Marín, 27 setembro 2023
As asociacións e entidades de Marín son parte esencial do tecido social da nosa vila, grandes dinamizadores e creadores de contido cultural, deportivo e de toda índole.
O Goberno local, ademais de apoiar de xeito económico as actividades que realizan estas entidades, así como en moitos casos se lles ceden as instalacións dos localis municipais, tamén aporta visibilidade a toda a programación que realizan.
Co obxectivo de dar un paso máis, o Concello habilitará na páxina web municipal un directorio con todas as asociacións activas na vila, aportando os datos de contacto actualizados así como as posibles actividades que ofrezan á cidadanía.
A concelleira Itziar Álvarez expresou que o que se busca con esta iniciativa “é poder poñer a disposición de todos os marinenses esta información, así como actualizar o rexistro municipal, porque moitas entidades teñen datos que xa non coinciden coa súa situación actual”.
Para iso, a edil solicita a todas as asociacións que presenten por vía rexistro, a través da sede electrónica, documentación de actualización dos datos, así como a posibilidade que se dean de alta aquelas que aínda non estén ou que se dean de baixa as que cesaran a súa actividade.
Tal e como figura a ordenanza municipal que regula esta cuestión, esta é documentación que deben presentar as entidades:
- Estatutos e acreditación da data de constitución da asociación.
- Número de inscripción no Rexistro Xeral de Asociacións ou noutros rexistros públicos.
- Datos de identificación das persoas que ocupen os cargos directivos.
- Domicilio social e identificación social.
- Breve memoria dos servizos e actividades programados para o ano en curso.
- Certificación do número de socios.
- Territorio de actuación.
- Autoasignación a un sector de actividade.
Neste momento, no rexistro municipal figuran 206 asociacións e a concelleira explica que o obxectivo é que presenten esta documentación actualizada ao longo do mes de outubro, “para poder adicar o mes de novembro a configurar ese directorio e xa poder ofrecer a información completamente actualizada á cidadanía”.