O Concello levará ao próximo Pleno a aprobación definitiva do prego de limpeza de edificios municipais

O Concello levará ao próximo Pleno a aprobación definitiva do prego de limpeza de edificios municipais

18 febreiro 2021
A concelleira de Medio Ambiente, Marián Sanmartín, presentou en Comisión Informativa o novo prego elaborado para a contratación do servizo de limpeza de edificios municipais, un contrato que venceu e que agora se adxudicará por catro anos, cunha posible prórroga dun ano.

Este prego levarase ao Pleno da Corporación que terá lugar a próxima semana, despois de que as sesións plenarias foran interrompidas durante quince días por mor das restricións sanitarias vixentes. Unha vez o Pleno valide este documento, iniciarase o proceso de licitación para, finalmente, adxudicar o servizo.

Tal e como explicou a edil, o incremento da contía económica do prego con respecto ao contrato anterior é importante, pasando de 400.000 a 885.502,01 euros. Isto débese á actualización que realizaron os servizos técnicos das necesidades deste servizo, como a incorporación de novos espazos municipais: a Galiña azul de Seixo, ampliacións en instalacións deportivas ou melloras noutros espazos como a Biblioteca, o local do Parque Azul de Cantodarea, os novos comedores escolares…

Ademais, o prego de contratación levará tamén incluídos os grandes gastos de limpeza que se viron incrementados por motivo das novas medidas nacidas ao abeiro da pandemia. Especialmente, nótase un incremento do gasto na partida destinada aos centros educativos, xa que supuxo unha inversión de máis de 100.000 euros para o Concello dado que pasaron de limparse unha a tres veces por día estes espazos.
Finalmente, no novo prego recóllese a actualización do convenio laboral dos traballadores da empresa, que serán subrogados coa nova adxudicación.

Sanmartín asegurou que na elaboración do prego tivéronse en conta “cláusulas tanto sociais como medio ambientais” que contarán favorablemente nas ofertas que presenten as empresas na licitación.

Anterior Intensa desinfección da Biblioteca para unha reapertura segura e un Entroido aínda vivo no Museo Torres

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados