O abandono animal é unha das grandes lacras da nosa sociedade e é labor das administracións de todos os rangos traballar pola súa eliminación, aplicando a actual normativa vixente en Galicia, dependente da Xunta.
O Concello de Marín, consciente da problemática e sensibilizado con ela, ten asinado un convenio marco ca Deputación de Pontevedra, polo que o ente provincial presta o servizo de acollida de animais domésticos abandonados no Centro de Acollida e Protección de Animais de Pontevedra (CAAN).
Este convenio ten fixado un presuposto anual de 9.744,80 euros, cos que o Concello da cobertura aos casos que se atenden no termo municipal marinense. Segundo os datos aportados polo CAAN, durante o 2019 recolléronse 72 cans, 45 dos cales foron atendidos no centro, onde tamén se lles tramitou o proceso de adopción.
No que respecta ás 27 recollidas restante, 12 foron anuladas por diversas razóns e 13 consideráronse erradas por que o propietario recolleu ao animal (7 casos), pola imposibilidade da captura deste (7 casos) ou porque unha protectora local fíxose responsable do can (1 caso). Se sumamos os datos correspondentes ao ano 2018, en total contabilízanse 99 recollidas atendidas.
Atención aos gatos de rúa
Por outra banda, o Concello tamén traballa na atención e no coidado dos gatos de rúa que están no termo municipal, moitos deles en colonias nas que xa se leva implantando durante dous anos o Plan CES (Captura, Esteriliza e Solta), co que regular a poboación felina da vila.
Segundo os datos remitidos polo Departamento de Intervención do Concello de Marín, durante o ano 2019 foron esterilizados uns 66 gatos de rúa, 17 máis que no ano 2018. En total, a inversión neste plan creceu nestes dous anos en 1.032,41 euros, supoñendo unha inversión total no 2019 de 4.000 euros. A esta cifra, súmase o investido en servizos veterinarios, que ascende no ano que vén de rematar a 2.102,78 euros, que serviron para tratar a 13 gatos.