31 xullo 2021
O proxecto de creación do colector de augas residuais entre os núcleos de Pastoriza e Picotes, en Ardán, xa está en marcha, cunha dotación orzamentaria de 200.000 euros, que o Concello investirá con cargo ao remanente de Tesourería.
O concelleiro de Medio Rural, Pablo Novas, anunciou este importante avance para o saneamento no rural, que conseguirá poñer fin aos problemas que desde hai anos se levan producindo polo mal funcionamento da depuradora de Pastoriza.
“Hai meses reunímonos coa veciñanza da zona e prometimos que resolveríamos este problema no saneamento, clausurando a depuradora por ser ineficaz, tal e como nos indicaron todos os informes técnicos, e proxectando unha nova canalización que permita prestar este servizo con calidade para Ardán”, explicou Novas.
Desde aquela reunión, o Goberno local traballou na consecución deste proxecto, que xa é unha realidade e que será executado con cargo ao remanente de Tesourería, cunha inversión de 200.000 euros. “Fixemos toda a tramitación para poder axilizar canto antes unha actuación que consideramos esencial para o noso rural”, incidiu o edil.
De feito, o proxecto do colector xa conta coas autorizacións de Medio Ambiente e de Patrimonio e só está á espera de recibir a de Augas de Galicia. “A partir dese momento poderemos iniciar o proceso de licitación, para despois adxudicar a obra e comezar os traballos”.
A mellora da rede de saneamento é un dos eixos de traballo nos que o Goberno local está a investir maior esforzo e importantes recursos, xa que se trata dun servizo básico que desde o Concello queren prestar con todas as garantías a toda a veciñanza, tanto no casco urbano como no rural.