A orientación da marquesiña responde a cuestións de seguridade e accesibilidade, ademais de evitar molladuras e incomodidades nos días de mal tempo
Marín, 20 setembro 2024
O concelleiro de Rural, Pablo Novas, informou esta mañá da colocación dunha nova marquesiña para dotar de maior seguridade e comodidade ás persoas usuarias do transporte público na parroquia de Seixo.
A marquesiña colocouse aproximadamente a 50 metros da altura á que se atopaba a parada de autobús, na PO-551. Esta nova ubicación foi consensuada coa Axencia Galega de Infraestruturas e a empresa adxudicataria do servizo.
Tal e como explicou Novas, “aínda que a súa colocación, á inversa do habitual, chamou a atención, non se trata nin dun error nin dunha ocorrencia, senón que ten unha explicación técnica clara”. Foron os propios servizos técnicos municipais os que propuxeron que a marquesiña se colocase de costas á estrada polos seguintes motivos.
Por unha banda, explica o concelleiro, colocouse así por razóns de accesibilidade. “Ao colocar este elemento de mobiliario urbano, que antes non o había, o ancho da beirarrúa queda máis comprometido e non podería pasar por aí unha persoa en cadeira de rodas, un andador ou un carriño de bebé, por exemplo”. Colocándoa desta maneira, presérvase ese espazo e non hai atrancos.
Por outra, “e quizáis a razón máis importante”, é a da seguridade viaria. “Se neste caso poñemos a marquesiña como é habital, o espazo é tan reducido entre a zona na que agardan os peóns e a estrada que poden producirse despistes ou situacións de perigo, especialmente se pensamos nos máis pequenos ou na xente con algunha dificultade. Por iso, neste caso optamos por esta solución que, por certo, non é nova nin innovadora, xa que hai casos noutros concellos e lugares de Galicia e tamén no estranxeiro por razóns similares”.
Finalmente, hai unha razón climatolóxica. “Nesta zona, cando hai temporal con chuvia e vento é imposible non mollarse incluso estando a resgardo dentro da marquesiña. Con esta orientación, sen embargo, isto evítase e gáñase en comodidade, porque a ninguén lle gusta agardar ao autobús e mollarse”.
Novas asegura que esta medida ten por obxectivo mellorar a experiencia das persoas usuarias do transporte público, “que son moitas nesta vía de comunicación” e afirma que desde o Concello estase traballando en optimizar e tratar de fortalecer este servizo esencial para fomentar os traslados entre o casco urbano e as parroquias.