O Concello inicia un voluntariado coordinado para confeccionar mascarillas de cara ao inicio da desescalada

O Concello inicia un voluntariado coordinado para confeccionar mascarillas de cara ao inicio da desescalada

O Goberno local toma esta iniciativa despois do ofrecemento de moitos veciños e veciñas a colaborar na dotación destas unidades para a cidadanía en xeral. O Concello aportará o material necesario e unhas directrices básicas para a súa confección.

A veciñanza que teña interese en participar deberá enviar un email a alcaldia@concellodemarin.es ou chamar ao 986 88 10 00, indicando nome e apelidos e teléfono de contacto.

 

O pobo de Marín leva mostrando a súa enorme solidariedade desde o minuto un da crise sanitaria polo Covid-19. Unha solidariedade que se viu traducida en doazóns de toda clase, pero especialmente de material de prevención para aquelas persoas que teñen que estar na primeira liña e ás que a cidadanía marinense quere agradecer a súa dedicación, vocación e sacrificio.

Coas novas recomendacións das autoridades estatais e sanitarias relativas á utilización de mascarillas, foron moitas as persoas que ofreceron ao Concello de Marín a súa dispoñibilidade para confeccionar estas unidades, co obxectivo de que cheguen ao maior número de xente posible.

Ante esta situación e coa finalidade de coordinar toda a axuda, o Goberno local ven de anunciar unha campaña de voluntariado para poder englobar a todas esas persoas dispostas a botar unha man na confección de mascarillas e para poder organizar a novos voluntarios e voluntarias que poidan xurdir nos próximos días.

Segundo explicaron fontes municipais , “o Concello encargarase de dotar a todas estas persoas do material necesario para a confección das mascarillas: tela, gomas, fío… e unhas instrucións básicas para elaborar as unidades”.

Este material será levado ata os domicilios dos participantes na campaña, do mesmo xeito que serán recollidas as mascarillas que con el elaboren. “Farémolo así porque consideramos que é a maneira máis segura, evitando que se teñan que realizar desprazamentos”.

Unha vez que o Concello conte coas mascarillas, serán esterilizadas seguindo todos os procesos de hixiene e de prevención recomendados polas autoridades sanitarias, e empaquetadas, para finalmente proceder ao seu reparto.

O obxectivo é que estas unidades sirvan para “ese momento de desescalada”, afirmaron, cando pouco a pouco a cidadanía vaia volvendo, de maneira transitoria, á vida normal, pero mantendo unha serie de medidas de prevención, entre as que estará portar as mascarillas.

Anterior Aviso importante de Tesourería

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados