Coa chegada da primavera, o Concello inicia unha nova campaña de limpeza e desbroce dos viarios do rural, para cuxa execución contarase cunha brigada da Fundación Juan XXIII. O seu labor, que se centrará nos camiños e viarios estreitos, será complementado cun tractor desbrozador do Concello.
O desbroce manual xa comezou a finais da semana pasada, namentres que a finais de maio iniciará o seu traballo un tractor desbrozador contratado externamente por un importe de 17.424 euros e que estará destinado á limpeza das estradas e pistas que unen parroquias e lugares cun alcance de 80 quilómetros, complementando así aos desbroces manuais executados por Juan XXIII.
Segundo explicou o concelleiro de Medio Rural, Pablo Novas, “a planificación dos traballos responde a criterios de necesidade”, que este ano estarán en todo momento suxeitos ás recomendacións e indicacións das autoridades sanitarias, por mor da crise pandémica do coronavirus.
No seguinte enlace pode consultarse de xeito concreto o mapa coas zonas de desbroce por cada mes:
MAPA DESBROCES 2020
Contando coa colaboración da Fundación Juan XXIII, o Concello segue traballando na inclusión das persoas con discapacidade, mostrando “porta a porta” aos veciños de Marín as capacidades deste colectivo de poboación. “Deste xeito, coa calidade do traballo que levan a cabo e coa visibilidade que lles ofrecemos como traballadores, en Marín está a mudar a visión das discapacidade”, asegura Novas.