15 marzo 2021
A situación do sector da hostalaría é “complexa” debido ás restricións derivadas da pandemia, polo que é preciso “seguir traballando para aplicar propostas coas que sigamos axudando aos hostaleiros da nosa vila a realizar a súa actividade”.
Así se expresou esta mañá a alcaldesa de Marín, María Ramallo, que se reuniu coas concelleiras Marián Sanmartín e Itziar Álvarez para articular as novidades nas que o Concello está a traballar para facilitar a actividade deste sector.
Tal e como explicou a alcaldesa, nestes momentos estase a contactar con cada un dos establecementos de hostalaría que teñen terraza para informarlles de que teñen que presentar a renovación (ou a solicitude se é a primeira vez que se pide) da ocupación do espazo público coas mesas e cadeiras das terrazas.
O Concello explica que os hostaleiros deben pedir esta renovación para toda a súa terraza en situación normal, é dicir, coa ocupación do espazo do que dispoñen sen ter en conta ningún tipo de limitación. Desta maneira, cando se teña ese inventario de mesas actualizado utilizarase para aplicar sobre el a normativa vixente do máximo 50% de aforo que impera nestes momentos.
Por outra banda, Ramallo anunciou que o Concello está a traballar nunha modificación da ordenanza que regula a instalación de veladores no espazo público, “porque somos conscientes de que, durante todo o ano, as terrazas son o espazo que se manterá sempre como o máis seguro. Queremos tratar de axudar á nosa hostalaría a que lle poida ofrecer en calquera momento do ano un servizo seguro á cidadanía”.
Estes cambios afectarían, especialmente, á colocación de determinados elementos (toldos ou similares) e á homoxeneización estética do mobiliario que se utiliza para as terrazas. Para iso, abrirase un período de consultas entre o sector, “que poderá aportar todas as melloras ou cuestións que considere que deben ser tidas en conta”.
Para axilizar esta tramitación e poder aplicar algunha destas melloras o antes posible, desde o Concello impulsarase unha instrución que permitirá a súa posta en vigor namentres o camiño burocrático da ordenanza continúe coa súa tramitación.
A alcaldesa afirma, ademais, que é un bo momento para pensar na mellora estética destes elementos, “para poder dar indicacións coherentes aos hostaleiros desde o primeiro momento”, e sobre todo porque existen axudas impulsadas pola Xunta de Galicia das que se poden beneficiar para adquirilos.
Con respecto ás axudas institucionais, o Concello lembra que Marín está adherido ao fondo de axudas que están destinadas ao sector, que neste momento está repartindo as axudas da segunda fase.
Lembrar tamén que a nivel municipal tomáronse decisións en materia tributaria moi relevantes que están a axudar ao sector como a exención total do imposto das terrazas durante o 2020 e 2021 e a exención do canon da auga e o coeficiente de vertedura para os establecementos durante o tempo que tiveron que estar pechados.