O camiño de Arealonga – O Marco, na parroquia de San Xulián, será obxecto dunha importante actuación, anunciada esta mañá pola Concellería de Medio Rural, coa que se mellorarán as condicións de habitabilidade desta zona, grazas á mellora dos servizos municipais de saneamento, abastecemento e accesibilidade.
Para iso, levarase a cabo unha intervención de obra que consistirá na instalación das tuberías adicadas a estes fins, que conectarán con acometidas domiciliarias residuais separativas e de abastecemento.
Con esta obra tamén se renovará o pavimento desta estrada e se realizará un desbroce e limpeza de todo o terreo, retirando a maleza e o material de refugallo que se poida atopar.
Este proxecto xa está adxudicado á empresa Construcciones Vale SL por un importe total de 37.954,56 euros (IVE incluído), que terá un prazo máximo de execución de dous meses.
O concelleiro de Medio Rural, Pablo Novas, considera “moi importante” a realización desta obra, “dado que dotará, como non podía ser doutra forma, a esta zona dos servizos básicos e de alta calidade que debemos ofrecer desde o Concello”.