O Concello habilita ferramentas dixitais para a consulta das rutas de sendeirismo de Marín a Pé

O Concello habilita ferramentas dixitais para a consulta das rutas de sendeirismo de Marín a Pé

09 febreiro 2021

O turismo verde, sostible, familiar e interior é posible e é seguro. Esa é a mensaxe que lanza o Concello, a través das Concellarías de Turismo e Medio Ambiente, que están a traballar na mellora e optimización das rutas de sendeirismo enmarcadas no proxecto Marín a Pé, “co que buscamos que a xente de Marín goce do seu concello, da natureza e do deporte”.

Entre esas melloras, as concelleiras Cristina Acuña e Marián Sanmartín anunciaron a creación da conta “SendeirismoMarin” no portal (tamén app no móbil) de Wikiloc, no que aqueles que sigan á conta oficial do Concello poderán acceder a toda a información actualizada dos seis roteiros dispoñibles: a Ruta das Praias, a Ruta dos 5 Miradoiros, a Ruta de Montes e Praias (tanto na súa versión longa como curta), a Ruta do Monte Penizas (coa variante de Santomé) e a Ruta do Lago Castiñeiras.

Ademais desta actualización dixital, que tamén se reflicte no apartado da web municipal, desde a que se pode acceder directamente a Wikiloc, o Concello levou a cabo un repintado nos tramos das rutas de 5 Miradoiros e Penizas que precisaban dunha mellora da sinalización.

“O sendeirisimo é unha actividade deportiva moi completa, porque supón un hobby accesible para calquera e que se pode gozar en familia, en solitario ou en parella e que nos permite coñecer dun xeito alternativo o noso fogar, o que temos máis cerca”, explica a concelleira de Turismo, Cristina Acuña.

Distintivo de Sendeiros Azuis
A beleza e calidade ambiental dos roteiros da nosa vila vese reforzado polo distintivo que teñen tres destas rutas como Sendeiros Azuis de Marín (a das praias, a dos 5 miradoiros e a de montes e praias).
Tal e como comentou a concelleira Marián Sanmartín, “acabamos de presentar a renovación deste distintivo”, que concede a Adeac, co apoio da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica.
Con esta solicitude, “completamos o noso expediente de Bandeiras Azuis, que supoñen tamén un importante distintivo medio ambiental que seguiremos traballando para os nosos areais”.

Anterior Os centros educativos de Marín contarán co seu propio “banco da igualdade” cun lema en defensa da muller

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados