29 xaneiro 2021
A Xunta de Goberno local aprobou recentemente a posta en marcha do procedemento burocrático para a contratación de 10 peóns e 3 conserxes, “dadas as necesidades urxentes e inaprazables que se ten de persoal en sectores, funcións e categorías que son indispensables para satisfacer as necesidades básicas da veciñanza”, segundo explicaron fontes do Goberno municipal.
Para esta contratación, o Concello solicitará á Deputación de Pontevedra unha subvención de 113.288,50 euros, con cargo á Liña 3 do Plan Provincial de Obras e Servizos (Plan Concellos) do 2021, unha contía á que o Concello sumará unha porcentaxe de fondos propios.
Por outro lado, o Concello continuará traballando para fomentar a contratación pública de colectivos desfavorecidos ou con dificultades de ingreso no mundo laboral, como son as mulleres vítimas de violencia de xénero. Así, o Goberno local solicitará unha axuda de 35.271,60 euros á Consellería de Emprego e Igualdade, a través da Secretaría Xeral de Igualdade, para poder así contratar a dúas mulleres conserxes.
Máis accións dirixidas a fomentar o emprego con perspectiva de xénero
Seguindo nesa liña laboral con perspectiva de xénero, o Concello solicitará tamén axudas á Federación Española de Municipios e Provincias e ao Instituto da Muller para a Igualdade de Oportunidades, que teñen en concesión inversións para que as entidades locais desenvolvan accións que permitan fomentar a transversalidade de xénero na planificación e desenvolvemento de políticas públicas locais.
Neste senso, terase especialmente en conta que se faga incidencia na conciliación e a corresponsabilidade, que contribúan a facilitar a atención e o coidado de menores, persoas maiores e dependentes e colectivos especialmente vulnerables.
Tamén será tomada en consideración a implementación de plans de emprego con perspectiva de xénero. Para a consecución destes dous obxectivos, solicitarase unha aportación de 15.000 euros, máis unha porcentaxe de achega municipal.