Trátase de unha persoa de Administración para Tesourería, 3 para Conserxería e 11 peóns para as brigadas, que comezaron esta semana. A súa contratación faise ao abeiro do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra.
Marín, 23 maio 2024
A inclusión laboral é un dos camiños nos que as administracións de todos os rangos deben traballar para garantir que as persoas que se atopan nunha situación de maior complexidade para acceder a un traballo poidan iniciar a súa traxectoria e, por tanto, arrancar un proxecto de vida.
Así o entende o Concello de Marín e a Deputación de Pontevedra, que se unen a través dos fondos do Plan +Provincia para financiar a contratación de 15 persoas para que os próximos meses realicen labores en distintos departamentos municipais.
Deste xeito, iniciaron os seus contratos esta semana un auxiliar administrativo, que dará apoio ao departamento de Tesourería, tres conserxes e 11 peóns, que desempeñarán o seu labor nas distintas brigadas municipais.
Antes de iniciar o traballo propiamente, recibiron na Biblioteca Vidal Pazos a correspondente formación en prevención de riscos laborais e recibiron da man dos responsables das brigadas do Concello a roupa e útiles de traballo precisos para os seus postos.