O Concello de Marín anunciou a finalización da execución de tres camiños rurais, que precisaban dunha mellora estrutural para que puideran seguir sendo utilizados pola veciñanza.
Segundo concretou o concelleiro de Rural, Pablo Novas, as actuacións realizáronse no Camiño da Barronca e en Allariz, ambos ubicados na parroquia de Santomé de Piñeiro, e no Camiño de Moledo, en Ardán.
Nos tres casos, os traballos consistiron no formigonado de todo o camiño, renovando así o seu aspecto e mellorando a súa utilidade. No caso do Camiño da Barronca, habilitouse tamén unha canaleta e nos outros dous deixáronse a punto as acometidas domiciliarias de saneamento. Ademais, no caso do Camiño de Moledo resolveuse na medida do posible a pendente, excesivamente empinada, que existía.
“Os veciños demandaban que actuásemos no Camiño da Barronca, dado que é moi utilizado como atallo para poder recoller aos rapaces que chegan á parada do autobús”, explicou Novas. Neste caso, a obra foi acometida por Trafor, cun orzamento de 7.746 euros (máis IVE).
No caso do Camiño de Moledo, o concelleiro explica que dá servizo “a catro vivendas, que ata agora tiñan dificultades para o acceso polo mal estado que presentaba o camiño”. A empresa Hermanos Iglesias SL foi a encargada de executar o traballo, por un importe de 7.063 euros (máis IVE).
Finalmente, no que respecta ao camiño rehabilitado en Allariz, “trátase tamén dunha zona moi transitada polos veciños do lugar, ademais de conectar a tres vivendas e de dar acceso a unha casa de Turismo Rural que existe nesa zona”. Esta humanización foi levada a cabo pola empresa Viñas Blancas SL, por un importe de 10.327 euros (máis IVE).
Con estas actuacións, o Concello segue traballando na mellora das conexións no rural, onde os camiños supoñen unha vía de comunicación moi importante entre núcleos de poboación.