A situación sanitaria que estamos a vivir mudou moitas das nosas actividades, que debemos adaptar para poder conter a pandemia e manter determinadas convocatorias, como as deportivas, de xeito seguro.
Segundo a última normativa da que dispón a nosa comunidade autónoma, a afluencia ás instalacións deportivas está limitada a un máximo de 60 persoas en recintos pechados e de 150 en aberto no que respecta ao público. Así a todo, desde a Concellaría de Deportes do Concello de Marín traballouse nunha normativa interna de uso, que establecu que toda actividade ou partido se celebre a porta pechada.
Como alternativa, os concelleiros Antonio Caíña e Antonio Traba anunciaron esta mañá que o seu departamento está estudando un sistema para poder ofrecer de xeito telemático aos afeccionados as competicións que se desputen nas instalacións da vila.
“O obxectivo é poder ofrecer a toda a audiencia, namentres dure esta situación, unha vía nova para ver as competicións que se xoguen nas nosas instalacións, porque sabemos que o deporte base e outro tipo de probas que acolle a nosa vila suscitan un enorme interese e supoñen unha vía de entretemento importante para a sociedade”, en palabras de Antonio Caíña.
O sistema iría enlanzado coa web do Concello de Marín e ofrecería, deste xeito, a posibilidade de gozar dos partidos e das diferentes competicións futuras desde a casa ou desde calquera dispositivo electrónico.
O deporte adestra con todas as medidas de seguridade
Por outra banda, os clubs de deporte do noso Concello continúan coas súas sesións de adestramento, pero cumprindo estritamente coa normativa interna facilitada polo Goberno local para a utilización destas instalacións pola súa parte. No Estadio de San Pedro están a adestrar o C.D. Pinarium e o atleta Joan Marie Okutu. Pola súa parte, o Peixe realiza os seus adestramentos na Raña, tal e como fai o Marín FutSal (o senior feminino, en categoríua nacional), o club de judo e o boxeador Aarón González. O pavillón do Sequelo acolle os adestramentos dos clubs In Mare e Marín Futsal (categoría xuvenil de Divisón de Honor) e, finalmente, na Cañota, están a traballar o clube Agarimo e o Team Thunder