Nestes momentos de crise sanitaria, a información de fontes oficiais, verídica e contrastada, é máis necesaria que nunca en todos os niveis, tamén no municipal. Por iso, o Concello de Marín vén de poñer en marcha unha vía máis de comunicación pública coa veciñanza: unha canle de Telegram.
Para unirse á canle, é necesario que as persoas que estean interesadas descarguen a aplicación no seu teléfono móbil no caso de que aínda non a teñan e que busquen nela “Concello de Marín”.
Nesta nova ventá informativa, o Concello aportará toda a información útil e necesaria durante a crise sanitaria do Covid19, incidindo nas medidas tomadas no protocolo de acción local fronte a pandemia e lanzando novas e avisos que actualicen a situación e poidan resultar de interese á veciñanza.
Ademais, nesta canle poderanse atopar aqueles materiais gráficos que se vaian deseñando especificamente para difundir información útil, como infografías ou vídeos culturais, como os realizados dentro da iniciativa #ACulturaSegue.
O obxectivo final é que toda a veciñanza poida coñecer o máximo posible todo o que acontece no Concello relacionado ca pandemia en tempo real, estando así actualizada con información oficial, contrastada e fiable.
A canle de Telegram únese ás redes sociais que actualmente ten activas o Concello: Facebook, Twitter e Instagram.