30 xuño 2021
A lingua de signos permítenos a comunicación coa comunidade de persoas xordas, mellorando a inclusión da nosa sociedade. Para dotar ao alumnado de Marín desta ferramenta, o Concello adheríuse ao proxecto Signar, impulsado polo colectivo En Lingua de Signos (EDLS), grazas ao cal foron realizadas 90 sesións nos distintos centros educativos de Marín.
Nestes obradoiros, a rapazada de Marín aprendeu o básico sobre a lingua de signos, “e foi unha moi boa experiencia, da que facemos un bo balance”. Así llo explicaron representantes do colectivo á alcaldesa, María Ramallo, e á concelleira Marián Sanmartín.
Desde o Concello tamén apuntan á importancia de levar a cabo iniciativas coma esta, que permitan mellorar a nosa maneira de relacionarnos coas persoas que teñen algún tipo de problema, como o caso da comunidade xorda, aprendendo os seus códigos e apostando pola inclusión plena.
Adaptación de contidos con QR
De cara ao futuro, o Concello seguirá traballando con ELDS para iniciar un proxecto de adaptación de contidos audiovisuaus, de texto, carteis, páxinas web… que poderán contar cunha tradución locutada e en lingua de signos, para que poida ser consultada por calquer persoa.
Sobre todo, farase fincapé en contar con este servizo nos contidos turísticos e de servizo, que son os máis utilizados pola cidadanía.