27 abril 2021
A loita contra a vespa velutina leva librándose desde o 2012 na nosa comunidade. En Marín, a asociación Depolgal colabora co Concello na eliminación desta praga, ademais de apoiarse no servizo da Xunta de Galicia que, a través do 112, retira os niños nos lugares nos que van aparecendo, polo que é preciso que os veciños chamen a este número sempre que identifiquen un.
Unha das cousas máis importantes que destacan desde a asociación é a necesidade de actuar de xeito colectivo, especialmente na prevención, colocando trampas nas que poidan caer as raíñas, para así frear a proliferación de exemplares desta vespa invasora.
Ata a chegada da pandemia, Depolgal realizaba charlas formativas para ensinarlle á veciñanza como facer trampas caseiras, pero por mor das restricións sanitarias, estas formacións quedaron paralizadas. Por iso, e ante a chegada da primavera, o Concello e a asociación, a través de Sergio Vázquez, o seu portavoz, lanzan unha campaña de concienciación que pretende ensinar á veciñanza a importancia de trampear.
Sergio explica que realizar as trampas durante a primavera é o ideal “porque é cando a raíña sae da hibernación para alimentarse e para facer os niños primarios”. Estes niños aparecen no chan, nos aleros das casas, nos galiñeiros… “por iso especialmente a xente do rural ten que estar pendente”, explica.
Para previr que saian eses nidos primarios, trampéase agora e así evítanse tamén os niños secundarios. “Sabemos que a problemática da velutina é un problema de saúde pública e por iso temos que tratar de poñer da nosa parte e así atallar o problema”, explica el miembro de Depolgal.
“O que pretendemos con este vídeo é achegar dun xeito sinxelo a todo o mundo as instrucións para realizar as trampas, concienciar do problema real que supón e seguirá supoñendo a vespa velutina e da necesidade de que toda a veciñanza colaboremos no seu control”, explica o Goberno local.