O Concello de Marín mira cara ó futuro, dentro da súa estratexia DUSI Marín 2020, cofinanciada nun 80% co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea.
A estratexia Marín 2020 responde a un modelo que pretende mellorar a calidade urbana e a calidade de vida da poboación marinense e, ao mesmo tempo, a funcionalidade e a organización do sistema urbano da cidade.
Dentro dos obxectivos deste plan esta a idea de facer de Marín unha cidade intelixente a través da mellora económica e a competitividade onde se englobarían ideas como favorecer a administración electrónica e dos mecanismos de participación e transparencia ou a conversión da vila nun territorio smart, centrado en ideas como o turismo ou a mobilidade sostible.
Dentro das medidas que se están a adoptar para facer de Marín unha Smart City englóbase a posta en marcha recentemente do mecanismo de consulta mediante a web da situación en tempo real do aforo nas nosas praias, ademais de mostrar as zonas accesibles dento dos areais.
A crise da Covid19 supuxo un importante quebro da nosa cotidianidade e, por iso, hoxe máis ca nunca, os territorios precisan de ferramentas como a desenvolvida no Concello para este fin, que permitan garantir un goce seguro do ocio na vila.
Outra das actuacións ao respecto será a colocación dunha gran pantalla LED informativa na contorna da Praza de España, na que non só se volcará a información relativa ás praias, senón tamén toda a información de servizo que poida ser de utilidade para a cidadanía.
A dixitalización, tamén para a dinamización económica
A estratexia DUSI Marín 2020 tamén ten como importante obxectivo a dinamización económica, social e cultural da nosa vila. Un obxectivo que sempre foi importante pero que agora aínda adquire maior relevancia e precisa de moita máis atención dada a situación na que nos atopamos, derivada da crise sanitaria polo coronavirus.
Seguindo a filosofía de traballar nunha vila conectada e dixitalizada, adaptada aos novos tempos, o Concello lanzou a plataforma dixital Marín en Rede, un espazo no que posicionar á nosa economía local no mundo online, onde as oportunidades de xeración de riqueza e de movemento económico son moi grandes.
Dentro do Marín en Rede, ademais de determinadas campañas de visibilización como a que se está a levar a cabo nas redes sociais, impulsaranse outras iniciativas de fomento directo do consumo e de formación en competencias dixitais para os comerciantes e hostaleiros da nosa vila.