O Concello de Marín contacta cos maiores de 80 anos que viven sos para ofrecerlles axuda durante o confinamento

O Concello de Marín contacta cos maiores de 80 anos que viven sos para ofrecerlles axuda durante o confinamento

A crise sanitaria polo coronavirus segue avanzando e o Concello de Marín redobra os seus esforzos para garantir que toda a veciñanza, especialmente aqueles que se atopen en situación de risco, teñan a mellor atención posible por parte dos servizos públicos.

Nesa liña, o departamento de Servizos Socias municipal segue a traballar de maneira normal (adaptando todas as medidas de prevención e hixiene), ofrecendo tranquilidade ás persoas usuarias.

Estase facendo un traballo especialmente importante na coordinación deste departamento municipal cas empresas encargadas de xestionar as axudas a domicilio. Tal e como se comprobou desde o Concello, todas as persoas que son beneficiarias deste servizo seguen contando ca súa prestación e, incluso, déronse casos onde determinados usuarios avisaron ao Consistorio de que durante este tempo non sería necesaria a axuda, dado que contan con apoios familiares. “Aínda así, foron casos moi puntuais”, asegurou esta mañá a alcaldesa, María Ramallo.

Reforzo da atención á terceira idade

Como medida paralela a todos os servizos prestados desde Servizos Sociais, Ramallo informou de que desde hoxe iniciáronse rondas de chamadas desde o Concello a todas aquelas persoas de máis de 80 anos, “que nos consta polo padrón municipal que viven soas ou que son un matrimonio que tampouco vive con ninguén máis”.

“Chamámolas para saber como están e se teñen algún problema ou algunha necesidade que non poden cubrir debido ao confinamento. Nos casos nos que se dea esta situación, trataremos de abordala a través dos servizos de Protección Civil”, explicou a rexedora.

“A reacción por parte de toda esta xente maior é moi boa, sobre todo por notar a mostra de preocupación e por sentirse arroupados. De todos os xeitos, en xeral trasládanos que están ben”, engadiu Ramallo.

A maiores, existe unha “coordinación total” con todas as ONGs da vila marinense, “que prestan axuda de maneira desinteresada durante todo o ano e que tamén están tendo un imporante papel neste escenario difícil”.

Dentro destas organizacións sen ánimo de lucro, destaca o Comedor Social, que segue a despachar comidas para todas aquelas persoas que se atopan en circunstancias de vulnerabilidade.

Así a todo e co obxectivo de minimizar ao máximo o risco de contaxio, estase tratando de que, sempre que sexa posible, os usuarios leven a comida a casa e non utilicen as instalacións do comedor.

20 actas por infracción

Noutra orde de cousas, a Policía Local tramitou durante a primeira semana de confinamento un total de 20 actas por infracción a cidadáns que non cumpriron cas medidas amparadas no decreto do estado de alarma.

Tanto o corpo de seguridade local coma o Concello reiteran a necesidade de cumprir estritamente con todas estas medidas. Como reforzo comunicativo, onte publicáronse nas redes sociais do Concello aquelas cosas que NON se poden facer e que se poden consultar aquí.

Anterior A alcaldesa de Marín lanza unha mensaxe de ánimo e concienciación á cidadanía marinense

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados