Romper coa fenda dixital e achegar a toda a cidadanía, indepentemente da súa idade ou manexo tecnolóxico, as bondades da sede electrónica do Concello é un dos obxectivos que ten o Goberno local, despois de renovar este portal a través da cofinanciación dos fondos europeos.
Para iso, a través da canle de Youtube municipal, subiranse varias pezas a modo de videotitoriais nos que se explique, paso a paso e con pantallazos do propio procedemento da sede, como se levan adiante trámites esenciais para a veciñanza.
Un deles, que é o que estrea esta nova sección de fomento da dixitalización, é sacar un volante de empadroamento, un trámite moi demandado para procesos de toda índole que antes só se podía facer en persoa. Agora, é posible facelo con apenas varios clicks e poder contar coa documentación en calquera momento.
Con respecto ao padrón municipal, estase traballando para que incluso sexa posible darse de alta como empadroado/a en Marín a través da sede electrónica. “É un trámite que temos previsto pero que aínda estamos desenvolvendo a nivel técnico para poder poñelo a disposición da cidadanía”, explican fontes municipais.
O obxectivo é poder axilizar a burocracia, axudar á veciñanza na súa relación co municipio e poder mellorar os ratios de resposta e resolución de necesidades. Así, outros dous trámites dos que se sacará titorial son a autorización para a ocupación de vía pública ou a solicitude de local municipal.