11 outubro 2021
O Concello de Marín vén de avanzar na tramitación de dúas actuacións relevantes para a nosa vila no que respecta á prestación de servizos públicos esenciais. Trátase do proceso de adxudicación para a rehabilitación integral do depósito de auga da Costa e para a creación da rede de abastecemento de auga para Bexe, na parroquia de Seixo. En ambos casos, as Mesas de Contratación propuxeron a adxudicación, que finalemente se fará efectiva na Xunta de Goberno local.
No que respecta á primeira destas actuacións, o obxectivo é remodelar toda a instalación, xa que, a pesar de atoparse en servizo, presenta un avanzado estado de deterioro. Con esta actuación, acondicionarase todo o depósito, incluindo a cámara de chaves, e renovarase a caldeirería e as válvulas, coa finalidade de facilitar o control e manipulación do sistema.
Rematado o proceso de licitación, a Mesa de Contratación propón para a adxudicación deste proxecto á empresa Sodein Soluciones Intergrales, por un importa de 163.201,46 euros. Serán cinco meses o que teña de prazo para realizar os traballos, a contar desde a comprobación do reprantexo. A inversión realizarase con cargo ao Plan Concellos 2021.
Por outra parte, a dotación dunha rede de abastecemento para Bexe é unha actuación fundamental, moi demandada pola veciñanza, xa que ata o momento a conexión era privada, a través de traídas, e na época estival podían darse problemas de abastecemento.
O proxecto beneficiará a un total de 33 vivendas e vén de ser proposta para adxudicación por valor de 126.686,77 euros á empresa Construcciones Obras y Viales, que terá de prazo tres meses para finalizar a intervención.
Con estas dúas actuacións, o Concello segue traballando para mellorar e renovar os servizos públicos esenciais da vila, para prestalos con calidade e á altura das demandas da veciñanza.