O primeiro andar da Casa do Mar está máis preto de converterse nun Centro de Día público para a terceira idade do municipio. O Goberno local tratará hoxe no Pleno a adxudicación de 100.000 euros procedentes do remanente municipal á parte que o Concello asumirá do coste da reforma do inmoble.
Este proxecto de obra, que procura readaptar o espazo dispoñible ás esixencias dun servizo como o que se quere prestar no futuro, realizarase ao abeiro dun convenio asinado coa Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, que sumará aos 100.000 euros de fondos propios do Concello outros 200.000 euros.
“O noso obxectivo é poder axilizar ao máximo os trámites para a contratación da obra e iniciar así a reforma, de tal xeito que a creación do Centro de Día vaia dando pasos e avanzando no tempo”, afirmou a alcaldesa, María Ramallo.
A Casa do Mar foi cedida ao Concello por parte da Tesourería da Seguridade Social co obxectivo de garantir, por parte do Goberno municipal, a cobertura pública da asistencia da terceira idade.
Con estas obras de acondicionamento, está previsto dotar ao futuro Centro de Día dunha ampla sala de usos múltiples, así como doutras dependencias: un espazo de rehabilitación, outro para o lecer, cociña e lavandería.
Dentro destes compromisos do Concello de Marín pola cobertura pública da asistencia social da terceira idade, inclúese a posta en funcionamento o pasado ano do Centro Terapéutico para Persoas con Alzhéimer da Finca de Briz, impulsado xunto con Afapo. Os usuarios deste centro tamén poderán ser beneficiarios do futuro centro de día cando a enfermidade avance e as sesións que se ofrecen en Briz sexan insuficientes.
A alcaldesa explicou nunha destas visitas ao inmoble da Casa do Mar a importancia deste tipo de actuacións, “dada a poboación que temos na nosa vila, na que a xente maior ten un peso moi importante e que precisa das mellores atencións, incluso cando os recursos son limitados” afirmou Ramallo.