O proxecto do Lago ten por obxectivo mellorar o entorno con sendas peonís, un auditorio ao aire libre e un aparcadoiro. Por outro lado, o Plan esixe levar adiante campañas de promoción turística do destino que recibe os fondos, que no caso de Marín será realizada pola empresa 100×100 Creatividad
Marín, 22 agosto 2024
O Concello de Marín segue traballando no desenvolvemento do Plan de Sostibilidade Turística en Destino, un plan financiado polos fondos Next Generation que promove diversas accións de mellora turística na nosa vila e que debe executarse ao longo de todo este ano.
Unha das iniciativas promovidas polo Concello é a de mellorar a contorna do Lago Castiñeiras, creando sendeiros peonís separados do tráfico, desprazando a zona de aparcadoiro da propia fronte do lago, creando unha nova zona de merendeiro e un auditorio ao aire libre.
A Mesa de Contratación avaliou as sete ofertas presentadas a este proxecto, resultando adxudicataria Construcciones Caldevergazo, por un importe de 153.428 euros. A empresa terá sete días hábiles para presentar a documentación requerida e así poder iniciar os traballos, para os que terá 2 meses de prazo de execución.
Por outro lado, o Plan de Sostibilidade ten un eixo de gasto relacionado coa promoción turística do destino, para que os municipios como Marín, que son receptores destas axudas, poidan impulsar campañas de promoción turística e chegar así a máis visitantes potenciais.
Esta campaña de promoción terá como obxectivo destacar o esforzo de sostibilidade turística que está realizando a vila de Marín, tratando de deseñar unha estratexia de coñecemento do destino fóra das nosas fronteiras coma un lugar onde o turismo, a vida local e o coidado e preservación do medio ambiente sexan os sinais de identidade.
Na licitación desta campaña foron avaliadas seis empresas, das que resultou adxudicataria do servizo a axencia 100×100 Creatividad por un prezo de 30.250 euros, con IVE incluído. Agora, tal e como ocorre coa empresa do Lago Castiñeiras, será preciso que presenten a documentación requerida para iniciar os traballos, que terán como obxectivo final a publicación da campaña para a próxima tempada turística.