O Concello aumenta a dúas horas o tempo máximo na próxima Zona de Estacionamento Horario Limitado

O Concello aumenta a dúas horas o tempo máximo na próxima Zona de Estacionamento Horario Limitado

O estacionamento no termo municipal e a necesidade de repensar o uso do espazo público é un dos eixos nos que leva traballando o Goberno local desde hai meses. A necesidade de reorganizar chan dispoñible para o parque automobilístico vén motivada polo escaso movemento dos vehículos que estacionan no casco urbano, polo que non sempre é sinxelo atopar un sitio para aparcar.

Nesa liña, a Concellaría de Tráfico impulsou a posta en marcha dunha ordenanza coa que regular a creación dunha Zona de Estacionamento Horario Limitado, que foi aprobada inicialmente esta semana na Comisión Informativa da área e que será levada ao próximo Pleno para a súa aprobación definitiva.

Despois de pasar por un período de exposición pública e de expoñer o contido da mesma aos demais grupos da Corporación, finalmente aprobouse ampliar o horario máximo no que se poderá estar estacionado nestas zonas, que será de dúas horas.

“A situación que estamos a vivir actualmente pola crise sanitaria da Covid19 ampliou moito os tempos de espera nos comercios e noutros establecementos, polo que entendemos que é lóxico dar algo máis de marxe ao estacionamento”, asegurou o concelleiro de Tráfico, Francisco Estévez.

“O noso obxectivo é poder garantir a rotación dos aparcamentos, facendo unha distribución equitativa entre todas as persoas, de xeito que exista fluidez no tráfico e no tránsito peonil”, engadiu o edil.

A rotación dos aparcadoiros é unha importante demanda dos sectores comerciais, xa que melloran as posibilidades de movemento da cidadanía para facer compras no casco urbano, tendo alternativa de estacionamento relativamente cerca dos establecementos comerciais.

Que rúas se propoñen para a Zona de Estacionamento de Horario Limitado?

  • Avenida de Ourense:
    • Tramo comprendido entre o paso de peóns que hai fronte ao parque infantil do Museo Torres até Praza de España
    • Tramo comprendido entre o paso de peóns do parque infantil até a Rúa da Estrada
    • Tramo comprendido entre o número 90 e o 96
  • Exército e Marina: no tramo que vai da zona do peirao de carga do Mercado de Abastos até o monoliño da Liberación
  • Rúa da Ponte: dende a zona de carga e descarga fronte á fonte até o cruce coa Rúa do Sol
  • Concepción Arenal:
    • Dende o cruce coa Rúa Jaime Janer até o cruce coa Rúa da Roda
    • Tramo comprendido entre a EII O Grupo e o cruce con Méndez Núñez
  • Jaime Janer: dende o cruce con Concepción Arenal até a intersección coa Rúa Busto de Abaixo
  • Ezequiel Massoni: dende o seu cruce con Concepción Arenal até o cruce coa Rúa Busto de Abaixo

Que horarios se propoñen da “Zona Azul”

No borrador da ordenanza recóllese unha limitación de 2 horas máximo, cun horario de aplicación de entre as 08.00 e as 20.00 horas de luns a venres, que se reducirá de 08.00 a 14.00 horas os sábados. Deste xeito, non aplicará a limitación horaria nin o sábado pola tarde, nin os domingos nin festivos e quedará paralizada todos os días entre as 14.00 e as 16.00 horas.

 

Que estacionamentos non estarán permitidos

  • Os de vehículos de PMA superior a 3,500 kg, salvo autorización expresa
  • Os de vehículos que realicen operacións de carga e descarga, salvo que teñan a oportuna autorización da Policía Local

 

Que casos estarían excluídos da limitación

  • Vehículos de servizos asistenciais, de emerxencia, seguridade cidadá… que deben ter a súa autorización visible no salpicadero
  • Aparatos elevadores, guindastres, vehículos de mudanzas…, con previa autorización municipal
  • Vehículos oficiais do Estado, das Comunidades Autónomas ou das Entidades locais adscritos a Defensa Nacional e Seguridade Cidadá
  • Industriais que realicen carga e descarga durante un tempo limitado, con autorización previa
  • Ambulancias e vehículos de emerxencia

 

Método de control

O método de control que utilizará a Policía Local de cara a garantir o bo cumplimento da ordenanza será a ferramenta Mcam, que leva integrada un programa de recoñecemento de texto con capacidade de xeolocalización.

Deste xeito, faranse lecturas nas rúas que teñan zona azul que se compararán e o propio programa recoñecerá aquelas matrículas que sobrepasan o límite das dúas horas máximas permitidas na ordenanza.

 

Aparcadoiros disuasorios

O Concello lembra, ademais, que nos últimos anos habilitáronse case 600 novas prazas de aparcamento en todo o casco urbano grazas aos aparcadoiros disuasorios, que se localizan nos seguintes lugares:

  • Na zona portuaria, ao lado da Escola Naval (o de máis capacidade con 343 prazas). En Ponte Zapal con 50 prazas, na zona do centro de saúde, onde a Barriada Virgen del Carmen, que dispón de 45 lugares de aparcamento, na zona do pavillón de A Raña dispóñense de máis de 100 prazas (utilizadas na súa maior parte para usos deportivos), na rúa Inferniño cóntanse con 60 prazas, en Concepción Arenal, á altura da gasolineira, con máis de 100 prazas, na parroquia de Seixo, na rúa Dr Otero Ulloa, cóntanse con 25 prazas. Ademais habilitáronse prazas de aparcamento en outros lugares coma República Arxentina ou en Cantodarea, preto da igrexa.
Anterior A recta final das obras de mellora enerxética no CEIP O Carballal marcará o inicio do curso para o día 16 de setembro

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados