“Un orzamento responsable, realista e enmarcado nun contexto de crise e de inflación, no que, a pesar de todos, seguimos mantendo as nosas taxas e impostos conxelados”. Así resumiu hoxe o concelleiro de Facenda, Manuel Santos, o Orzamento municipal do 2023, que foi aprobado hoxe no Pleno da Corporación.
As contas ascenden a case 15.251.000 euros, o que supón un incremento do 2,33% con respecto ao 2022. Tal e como se pode ler na memoria dos mesmos, “o estado dos ingresos e dos gastos aparece equilibrado e cumpre co obxectivo de estabilidade orzamentaria”.
O concelleiro apuntou a importancia de ter en conta as subas de prezo e a elevada inflación que se está a producir. Aínda así, as contas municipais conseguen cubrir os gastos correntes e as inversións que se realizarán nos próximos anos cúbrense cuns convenios “traballados, acadados grazas a que temos proxectos estables e que supoñen o reflexo da xestión e o esforzo que facemos desde o Goberno local para seguir avanzando no Marín que queremos sen repercutir ese avance nunha suba impositiva”.
Algúns deses proxectos xa son visibles na realidade actual, como a execución en marcha do Centro Socio Cultural na Praza de España ou os avances que se están a dar para construir un parking subterráneo no Parque Eguren. Outros, pola súa parte, serán realidade ao longo dos próximos dous anos e servirán para seguir
construindo unha cidade “máis integrada, sostible, cómoda e competitiva a nivel económico”.
Algunhas destas iniciativas enmarcaranse no Plan de Sostibilidade Turística, con actuacións tan relevantes como a creación das piscinas naturais de auga salgada no Paseo Alcalde Blanco ou a restauración e dinamización do Lago de Castiñeiras, a nosa outra xoia natural xunto co litoral.
“É un Orzamento que trata de exprimir ao máximo os nosos ingresos, que posibilita a capacidade de inversión a través de aportacións doutras administracións e que propón melloras importantes e cuxa execución suporá un extraordinario esforzo a nivel de xestión municipal”, rematou.