O Concello aproba a instrución que servirá de base para a nova ordenanza de regulación de terrazas

O Concello aproba a instrución que servirá de base para a nova ordenanza de regulación de terrazas

30 abril 2021
A alcaldesa de Marín, María Ramallo, informou esta mañá de que xa se firmou a instrución que
establecerá as condicións xerais para a tramitación de solicitudes de autorización de terrazas que
deben pedir os hostaleiros de cara a ocupar a vía pública cos veladores.

Esta instrución é un trámite previo á modificación da actual ordenanza, xa que este proceso durará “en
torno a seis meses”, tal e como indicou a rexedora, “xa que require un trámite de consulta pública
previa á súa aprobación inicial e un posterior trámite de información pública de 30 días hábiles”.

Por iso, o Concello adianta esta instrución co obxectivo de facilitar aos hostaleiros que soliciten a
colocación de mesas e cadeiras para que poidan seguir prestando ste servizo, “que se volveu esencial
nestes momentos de pandemia, dada a súa maior seguridade que supoñen fronte aos interiores”.

No Concello de Marín, o sector hostaleiro ten un enorme peso na economía local. Ramallo sostén que
“as terrazas fan cidade, incrementando as posibilidades de lecer dos cidadáns e constituíndo un
atractivo máis na promoción turística do municipio”. “Ademais”, engade a alcaldesa, “non podemos
obviar todo o tecido laboral que xeran ao seu redor”.

Desde o inicio da pandemia, desde o Concello buscáronse alternativas para poder garantir á hostalaría
a colocación de mesas, cumprindo sempre con todas as esixencias sanitarias que se foron e se van
marcando en cada momento.

Dada esta circunstancia, “somos conscientes de que a terraza está a constituír un elemento clave para
garantir a supervivencia dos locais e por iso temos que poñer todo o noso esforzo para conseguir que
poidan seguir funcionando, mantendo as medidas e pedindo toda a responsabilidade tanto a
hostaleiros como a clientes”.

De cara a unha estética homoxénea nas terrazas
Esta instrución pretende ser unha base de cara á nova ordenanza que se tramitará ao longo destes seis
meses. Nesa nova ordenanza, recolleránse unha serie de criterios estéticos para os elementos que
conformen as terrazas, “para que pouco a pouco consigamos facer máis homoxéneo o mobiliario que
está no espazo público”, explica a alcaldesa.
Na instrución, xa aparecen definidos os elementos de mobiliario urbano que poderán integrarse nas
terrazas:
● Os veladores, compostos por unha mesa e un máximo de catro cadeiras
● Elementos de sombra, como antucas, parasois ou pérgolas
● Elementos de climatización, como calefactores ou ventiladores
● Paramentos desmontables, como paraventos, enreixados, sebes en macetas, plantas ou outros
elementos calquera que delimiten en liña vertical a zona ocupada
● Tarimas, nos supostos nos que sexa necesario pola inclinación da rúa
Todos os elementos que se instalen terán que constar na licenza da terraza e cando sexa preciso
ancorar un toldo a unha parede, haberá que solicitar de xeito paralelo unha licenza urbanística ou
tramitalo a través dunha delcaración responsable. Ademais, en caso de que se permita a instalación
deste elementos, terán que ser dunha mesma cor, non puidendo utilizarse modelos diferentes nunha
mesma terraza e non se poderá poñer publicidade.
O obxectivo é que todo este mobiliario “sexa de material resistente, de fácil limpeza e cun deseño
atractivo, que utilice cores neutras”, explica a rexedora, que detalla que serán de uso preferente o
negro, o branco e o gris metalizado, ou similares. Estará prohibido realizar ancoraxes ao pavimento,
ás fachadas ou ao mobiliario urbano.

Dous anos de tempo desde a aprobación da ordenanza
Esta instrución será enviada agora ao BOP para a súa publicación, momento no que entraría en vigor.
A partir de entón, os hostaleiros poderán mercar elementos novos para as súas terrazas xa seguindo os
patróns e os modelos exemplificados que aparecen nela, que se poderá consultar na web do Concello.
Unha vez a ordenanza estea redactada e saia adiante, a partir da súa aprobación, os hostaleiros terán
unha marxe de dous anos para ir pouco a pouco actualizando o seu mobiliaro ás novas condicións
xerais que recollerá o novo documento municipal.

Anterior Un hórreo de Torres, en plena restauración para lucir coma novo no Museo Municipal

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados