O Goberno local de Marín ten como obxectivo sempre tratar de mellorar, ampliar e potenciar todos os espazos municipais cos que se conta, para que sexan utilizados pola veciñanza nas mellores condicións. “E, por suposto, en paralelo, nunca deixamos de pensar en como ampliar estes recursos, ganando novos usos para inmobles que poderían acoller servizos importantes ou que poderían converterse en espazos de referencia para a cidadanía”, explica o concelleiro, Manuel Santos.
Así a todo, lembra o edil, “todo ten prioridades e as cousas teñen que facerse cunha estratexia e cunha planificación con sentido. Antes de adquirir novos inmobles, temos que poder mellorar e adecentar aqueles locais municipais que xa temos”.
Por iso, explica, que antes de facer ou valorar unha posible oferta de compra de Baladrón, “temos que priorizar outros proxectos de mellora de instalacións públicas e ver máis alá, porque adquirir Baladrón, aínda que é algo que nos encantaría a todos e que de feito levábamos no noso programa electoral hai varios anos, supón moito máis ca súa compra, xa que precisa dunha reforma integral moi custosa”.
Outras urxencias e incapacidade de inversión con fondos propios
O concelleiro de Facenda lembra que esta semana presentouse en Comisión o proxecto de Orzamento para o 2024, no que se reflicte “que a nosa capacidade de inversión con fondos propios é prácticamente nula”, polo que se depende da cofinanciación doutras administracións para sacar adiante iniciativas de envergadura.
Nese sentido, “consideramos que tanto o Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra como posibles convenios que se poden acadar coa Xunta hai que destinalos a aquelas cousas que requiren unha inversión con maior urxencia e non destinar eses recursos externos (que costa moito conseguir) a unha adquisición como a de Baladrón, por todo o comentado anteriormente”.
Novas infraestruturas en camiño: o Auditorio e o Centro de Ocio Xuvenil
Santos lembra que nos últimos tempos Marín estase dotando de novas infraestructuras que hai que atender: por unha banda, o Auditorio de Marín, que está en proceso de construción e, por outra, o futuro Centro de Ocio Xuvenil. “Adquirimos o Liceo Casino e agora temos que conseguir rematar a súa remodelación para crear un lugar de referencia para a mocidade”, esa é unha das nosas máis absolutas prioridades. A esas, súmanse outras como a demolición do antigo Mercado de Cantodarea, “para o que aínda non temos financiación”.
“Temos melloras urxentes que hai que atender, como a da cuberta da Biblioteca Municipal, a reforma para dotar de accesibilidade e eficiencia enerxética ao edificio do Concello, a actuación integral no Pavillón do Sequelo ou outras instalacións deportivas”, indica Santos, por lo que considera que adquirir Baladrón “non pode ser unha realidade neste contexto”.