A pandemia da Covid19 supuxo un importante cambio no día a día dos centros educativos e nos servizos que se prestan para o alumnado, debido ás medidas que deben cumprirse para garantir un curso escolar seguro.
Conscientes diso, o Concello leva mantendo reunións e constante contacto tanto coas directivas dos diversos centros escolares como coa Fampa e as Anpas para artellar todas as necesidades relativas a este curso académico.
Con respecto ao comedor, a alcaldesa María Ramallo e a concelleira Marián Sanmartín mantiveron esta mañá unha reunión co vicepresidente da Fampa, Ángel Sánchez, que é a entidade que xestiona os comedores escolares da EEI O Grupo, do CEIP Ardán, do CEIP Seixo, do CEIP da Laxe, que xa prestaban o servizo o ano pasado, así como a recuperación do mesmo no CEP O Sequelo.
O CEIP O Carballal, que autoxestiona este servizo coa súa propia asociación de pais e nais “contará coas mesmas facilidades e axudas”, segundo lle trasladou a concelleira á presidenta da Anpa do centro, Vanesa …
Nas reunións, Concello, Fampa e a Anpa do Carballal, analizaron os datos de utilización dos comedores nos centros escolares de Marín e o incremento do custo dos comedores xestionados pola Fampa.
O equipo de Goberno acordou que cada familia contará cunha subvención de 10 euros por neno ao mes para facilitar o pago deste servizo e a parte proporcional para os nenos que van só algún día á semana. Ademais, manterase a subvención completa do comedor nos casos que sexan derivados de Servizos Sociais.
En total, a día de hoxe serán 80 nenos e nenas os usuarios dos comedores escolares da vila, unha demanda algo menor con respecto ao ano pasado debido ás circunstancias sanitarias, pero que segue supoñendo unha importante axuda para a conciliación familiar. Esta axuda, da que xa se beneficiaron o ano pasado as familias usuarias, amplíase este ano ao Carballal e ao novo comedor recuperado no Sequelo.
“É posible que a medida que avanzan as semanas haxa un aumento na demanda deste servizo, pero consideramos que nestes momentos temos que manter as axudas para que as familias poidan asumir do mellor xeito posible a prestación deste servizo fundamental e así apoiar a conciliación familiar”, asegurou a concelleira Sanmartín.
Esta inversión económica, ademais, súmase ao incremento do gasto que fixo o Concello nos centros polo reforzo das limpezas, desinfeccións e demais medidas relativas á adecuación dos centros á situación actual.
“Desde o inicio, xa estamos a aplicar todas as medidas que acordamos cos equipos directivos e coas Anpas”
A concelleira de Educación, Marián Sanmartín, engadiu tamén que desde o inicio do curso xa están en marcha algunhas das medidas que se acordaron cos equipos directivos dos centros e coas Asociacións de Pais e Nais.
Limpeza
Entre elas, destaca a elaboración dun protocolo de desinfección e limpeza, que supón a ampliación do horario da empresa concesionaria destes servizos nos centros durante a mañá, en función das necesidades, tendo en conta as dimensións e o número de alumnado de cada centro.
Deste xeito, realizaranse tres limpezas e desinfeccións ao día nos aseos e reforzaranse as limpezas e desinfeccións das zonas comúns.
Persoal de conserxería
Por outra banda, desde o inicio do curso escolar, aqueles centros que non contaban outros anos con persoal de conserxería ou limpeza contan agora con este servizo ou limpeza durante toda a xornada lectiva.