A normativa vixente na actualidade, enmarcada no proceso de desescalada do confinamento decretado polo Estado de Alarma, contempla a colocación por parte dos locais de hostalaría dun máximo do 50% das súas mesas autorizadas para terraza por parte dos concellos.
Ante esta situación e para responder á demanda do sector, o Concello de Marín abriu un período de tempo para que os hostaleiros solicitasen unha ampliación das terrazas no caso de que tivesen interese, de tal xeito que se analizarían en conxunto para así non entrar en situacións de conflito polo espazo dispoñible na vía pública.
A concelleira Marián Sanmartín informou esta mañá de que xa se autorizou unha gran parte destas ampliacións, aumentando o número de mesas autorizadas nas terrazas con respecto ao ano pasado. En total, esta semana autorizáronse máis de 50 mesas repartidas entre os diferentes locais que fixeron a solicitude.
Tal e como explicou esta mañá a edil, “aínda estamos rematando de analizar co equipo técnico do Concello aquelas peticións nas que hai maior complexidade para ampliar as terrazas, dado que ocuparían prazas de estacionamento ou por outras cuestións de dispoñibilidade de espazo”.
Ao longo da próxima semana, xa se resolverán estas peticións pendentes e seguirá traballándose de cara ás novas normativas que virán da man da entrada na fase 2 da nosa comunidade autónoma.
Un adhesivo distintivo con QR incluído
Tamén a partir da próxima semana, o Concello comezará a repartir entre os establecementos uns adhesivos presentados hoxe para as terrazas. De forma circular, os adhesivos identificarán aquelas mesas autorizadas polo Concello para estar instaladas, tanto as que xa estaban verificadas por licencia como as de nova ampliación.
Ademais, no centro do adhesivo engadiuse un código QR que redirixe á páxina Marín en Rede, na que cada local poderá ter a súa ficha multimedia, na que poderá cargar a súa carta, de tal xeito que poida ser consultada pola clientela individualmente, a través do seu teléfono móbil.
Con esta iniciativa, búscase facilitar o máximo posible a actividade aos locais hostaleiros, dado que non poden utilizar, por razóns de hixiene, nin cartas comúns, nin mantelaría dun só uso, nin obxectos que poidan facilitar a transmisión de contaxio.