O Concello amplía a catro anos o tempo de adxudicación das hortas urbanas do Sequelo

O Concello amplía a catro anos o tempo de adxudicación das hortas urbanas do Sequelo

O Concello de Marín, a través da Concellería de Medio Ambiente, quere continuar coa promoción das Hortas Urbanas Ecolóxicas como unha alternativa de ocio saudable para aqueles veciños que se interesen pola agricultura tradicional e ecolóxica, actividade que ven dando os seu fruto dende o ano 2012 na zona posterior do pavillón do Sequelo, con gran éxito entre a poboación.
As hortas urbanas están concebidas como un sistema que permite o cultivo individual de pequenas parcelas de terra de forma tradicional mediante o emprego de técnicas de cultivo ecolóxico, quedando prohibida a utilización de calquera elemento químico, ben sexa fitosanitario, herbicida ou abonado.
O proxecto pretende fomentar esta actividade lúdico-educativa de desenvolvemento sostible, na que os veciños tomen unha parte activa. Este ano, abrirase de novo o concurso para poder conseguir unha destas hortas. A novidade que aporta o Concello desta vez é que a cesión de uso da horta será por catro anos e non por dous, tal e como estaba estipulado ata agora.

En total, no Sequelo existen 71 parcelas, que se repartirán da seguinte forma:
• 40 hortas para persoas xubiladas ou pensionistas
• 15 hortas para persoas en paro que non reciban prestación por desemprego.
• 12 hortas para a veciñanza en xeral.
• 4 hortas para persoas con discapacidade (≥33%) ou que demostren intolerancias
químicas.

Tal e como xa se ven facendo nos últimos anos, dado o incremento da demanda de solicitudes para a adxudicación das hortas, que sempre supera á oferta, para aquelas solicitudes que teñan o mesmo enderezo de empadroamento só de admitirá unha.
A adxudicación das hortas farase por sorteo entre os solicitantes de cada un dos grupos. Ademais, no caso de que algún dos adxudicatarios xa tiveran desfrutado dunha parcela o ano anterior, gozarán de novo dese mesmo terreo.
Se algún dos grupos antes referenciado non se chegase a completar cas solicitudes presentadas, sortearanse as vacantes entre o resto de persoas dos outros grupos.

Requisitos dos solicitantes e documentación a presentar
Poderán solicitar parcelas:

– Persoas xubiladas ou pensionistas
– Persoas en paro sen prestación por desemprego
– Persoas con Discapacidade
– Intolerantes Químicos
– Veciñanza en xeral
O lugar de presentación de solicitudes será o Rexistro Xeral do Concello, sito na Avd. de Ourense s/n, achegando a seguinte documentación:
– Instancia xeral solicitando formar parte da convocatoria para obter o correspondente permiso para explotar unha das hortas urbanas.
– Fotocopia do DNI ou tarxeta de residencia.
– Volante de empadroamento que xustifique levar empadroado en Marín un mínimo
de dous anos.
– Documento acreditativo de acharse en situación de desemprego e non percibir
prestación algunha.
– Documento acreditativo de acharse en situación de xubilación.
– Documento que acredite dispoñer como única fonte de ingreso unha prestación
por invalidez.
– Documento de grado de minusvalía.
– Informe médico de Intolerancia Química.
Prazo de presentación de solicitudes e procedemento de adxudicación
O prazo de presentación de solicitudes comezará o luns día 16 de decembro de 2019 e finalizará o venres día 3 de xaneiro de 2020 (ambos incluídos).
O sorteo das parcelas realizarase o vindeiro venres día 10 de xaneiro de 2020 nas dependencias municipais ás 12 horas.

Anterior O Manuel Torres acolle unha exposición dos 60 anos de historia de Manos Unidas

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados