30 marzo 2021
A Concellería de Deportes anunciou esta mañá a adxudicación das obras de remodelación do céspede do campo de fútbol de San Pedro, que pasará ser de herba sintética de última xeración ao que se lle realizará un lastrado con area de sílice e caucho.
A empresa que resultou adxudicataria dos traballos é Prace Servicios y Obras, que foi a que mellor oferta presentou entre as 11 candidatas que concorreron á licitación. As obras adxudicáronse por un importe de 405.230,40 euros e a empresa terá catro meses de prazo para a execución das mesmas.
Se ben as dimensións do terreo sufrirán unha insignificante redución para adaptarse ás distancias das pistas de atletismo (renovadas hai un par de anos), o campo seguirá permitindo a práctica de fútbol 11 e de dous partidos simultáneos de fútbol 7 en campo corto.
En canto ao equipamento, a novidade será que as porterías de fútbol 7 serán pregables, con recollida na barandilla que arrodeará o perímetro do xogo, segundo as distancias homologables. O céspede colocarase sobre a base de asfalto existente tras realizar as oportunas nivelacións, necesarias en distintas zonas do actual terreo de xogo. Ademais, mellorarase a rede de rego engadindo cañóns de aspersión de auga de tipo emerxente.
Dentro do proxecto, está incluída a demolición da grada descuberta, que pasará a ser parte do céspede, de tal xeito que este terreo gañado poida ser destinado ao quentamento para os diferentes deportes. O muro de lonxitude desa mesma zona será tamén demolido, pero substituído por outro a base de formigón armado.
Unha instalación deportiva moi utilizada
O Estadio Municipal de San Pedro é unha instalación deportiva tremendamente utilizada por diferentes entidades de Marín, tanto de fútbol como de atletismo. Uns 250 usuarios utilizaban diariamente, antes do inicio da pandemia, esta infraestrutura. E despois de 10 anos, cando se colocou o primeiro céspede, é o momento da súa renovación.
Con este novo proxecto, o estadio contará cun aspecto máis moderno e actual e redundará sen dúbida no beneficio dos clubs deportivos de Marín. Ademais, súmase a outras melloras implementadas en San Pedro, como a renovación das pistas e de toda a zona de vestiarios/baños, a instalación de asentos en todo o graderío cuberto ou a renovación de banquillos de suplentes e do marcador.