O Cine Seixo acollerá a preestrea de “Devolviendo el golpe”, o documental sobre a vida de Aarón González

O Cine Seixo acollerá a preestrea de “Devolviendo el golpe”, o documental sobre a vida de Aarón González

21 xullo 2021
Con 10 anos, Aarón case morre atropelado. A súa nai, Rosa, loitará para que
saia adiante e cumpra o seu soño: ser campión de España de boxeo. Ese é
o resumo do documental “Devolviendo el golpe. La vida le tumbó pero no
le dejó K.O.”, que conta a historia de superación de Aarón González, hoxe
máis coñecido como Aarón The Thunder, e que xa está listo para a súa
preestrea en Seixo.
O documental ten selo marinense en todas as súas caras. O xornalista
Carlos Prado é o director do filme, que foi gravado pola produtora
marinense Trece Amarillo. A súa realización contou, ademais, coa
colaboración económica do Concello de Marín.
A alcaldesa María Ramallo recibiu hoxe no Concello a Prado, a Aarón e a
Diego Muñoz e Diego Santaclara, da productora, para presentar a
preestrea que terá lugar no Cine Seixo este venres, 23 de xullo.
Tal e como explicou o director, “queremos facer este primeiro pase para
todas aquelas persoas que participaron no crowfounding que impulsamos
para rematar de sacar adiante o proxecto”. Un total de 122 mecenas que
aportaron 5.730 euros para financiar o documental. “Superamos o
obxectivo que tiñamos antes incluso de que rematase o prazo para
participar”, lembra Prado, emocionado pola implicación da veciñanza de
Marín.
A preestrea organizarase (por cumprimento de aforo) en tres sesións, a
partir das 19.00 horas, para que poidan acudir tanto representantes das
institucións colaboradoras como todas esas persoas que aportaron o seu
grao de area. Ademais, Prado informou de que aquelas persoas que
acudan ao estreo recibirán tamén na súa casa ese mesmo día o enlace
para ver o documental, “polo que poderemos chegar a todos os que
participaron na campaña de mecenado aínda que non poidan estar
fisicamente o venres no cine”.
Ademais, para seguir dotando de talento marinense ao proxecto, será a
actriz e presentadora Mayka Braña a encargada de conducir o acto.
Despois da preestrea, está previsto que o documental vexa a luz de forma
oficial no mes de setembro nun dos festivais de cultura audiovisual máis
importantes de Galicia. “E despois volverá a Seixo xa en formato de portas
abertas para que o poida ver quen queira”, explicou o director.
Para a alcaldesa, “apoiar un proxecto coma este é sinónimo de apoiar á
cultura feita desde Marín e cunha mensaxe clara de superación, cuns
valores importantísimos como son os que traslada Aarón e súa familia”.
Ramallo felicitou a todas as partes implicadas no proxecto polo seu traballo
e “por poñer a Marín no mapa a través dunha historia coma esta, na que
coñeceremos un pouco máis á persoa que está detrás do deportista”. Pero
non só iso, “senón que tamén entenderemos a forza e a importancia da
súa nai, de como as persoas que queremos son, en moitas ocasións, as que
nos axudan a cumprir os nosos soños e as que apostan por nós”.
Sinopse
“Devolviendo el golpe” é a historia de superación do boxeador galego,
Aarón The Thunder, e de súa nai, Rosa. O accidente de Aarón marcou a
vida desta familia para sempre, pero fronte á posibilidade de afundir, o que
decidiron foi loitar e devolverlle o golpe á vida.
Rosa fará o imposible para que o seu fillo cumpra o seu soño a pesar das
adversidades e das dificultades derivadas do accidente: adicarse ao boxeo
e ser campión de España.
Facebook do documental:
https://www.facebook.com/devolviendoelgolpedocumental

Anterior Pagadas as expropiacións para a humanización do entorno do Mercado de Seixo

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados