O CIM de Marín é un dos servizos públicos catalogados como esenciais e que, polo tanto, seguirán prestando o seu labor de maneira intensa e prioritaria durante a vixencia do estado de alarma.
Segundo explican desde o organismo municipal, as citas que xa estaban establecidas entre as técnicas e as usuarias están a manterse, aínda que utilizando os medios telemáticos e telefónicos.
“Ademais, estamos en constante contacto con todas as mulleres que son usuarias do CIM, máis alá de que tiveran cita ou non, para saber máis do seu estado e da súa situación e, sobre todo, para darlles apoio e axuda psicolóxica no caso de que a precisen”, asegurou a directora do CIM, Marián Sánchez.
O teléfono habitual do CIM, o 986 89 18 02, segue funcionando no seu horario habitual e atende a todas aquelas persoas que precisen resolver dúbidas ou consultar co persoal, así como o 900 400 273, que está activo as 24 horas. Por suposto, tamén están en funcionamento o 016 e o 091.
Unha das cuestións que máis está a notar a directora do CIM son as dificultades que moitas das usuarias teñen para presentar documentación de maneira telemática. “Antes de que se decretase o estado de alarma, estabamos en trámites de presentación de solicitudes de axuda e outras cuestións”, afirma Sánchez. Nalgúns casos, a dificultades para realizar eses trámites de maneira telemática radica na inexistencia de medios para facelo e, noutros, na falta de coñecementos.
Por iso o CIM habilitou un número de teléfono destinado a ser utilizado vía Whatssap, para que aquelas mulleres que o precisen poidan remitir mediante unha fotografía a documentación que teñen que presentar para seguir adiante coas súas solicitudes.