As instalacións de Briz acollen desde o luns o novo Centro Terapéutico para Persoas con Alzheimer, de carácter público, gratuíto e compatible con calquera axuda.
Hoxe, as concelleiras Marián Sanmartín e Cristiña Acuña visitaron aos usuarios, en compañía do presidente da Asociación Afapo, José Manuel Fontenla, entidade que xestiona os obradoiros de memoria e psicomotricidade, entre outros, que se imparten no centro.
Tanto Afapo como o Concello están “encantados” pola boa acollida que tivo a iniciativa, que ten cubertas todas as prazas ofertadas, con dúas novas solicitudes aínda pendentes de valoración, pero listas para ser ocupadas polos usuarios.
O centro supón unha continuidade con respecto aos obradoiros de memoria que se ofrecen, tamén en Briz, a persoas xubiladas que están sas. “O centro é un paso máis, que está destinado a tratar a persoas que xa teñen a demencia diagnosticada”, afirma
Fontenla, que incluso explica que os obradoiros de prevención axudan a que moitas veces “saia á luz a enfermidade, cando comeza a mostrar os seus primeiros síntomas”.
Para o Concello a valoración tamén é “moi positiva, porque sabemos que era unha necesidade e porque vemos que tanto os usuarios como as familias están encantadas”, declarou Sanmartín.
Esta boa acollida pon enriba da mesa a posibilidade de aumentar o número de grupos e sesións, tal e como adiantou a edil. “De momento, o centro ten actividade os luns e mércores de 11.00 a 13.00 horas, pero vista a demanda pensan na posibilidade de novos grupos noutras quendas, como os martes e xoves, por exemplo”.
O obxectivo: Ter un centro de día público
Para Fontenla, a posta en marcha deste centro, en paralelo aos obradoiros de prevención “é un exemplo de como se deben facer as cousas nos Concellos” e agradeceu a Sanmartín a boa disposición do Goberno local neste asunto, “que tratan como unha necesidade importante”.
A concelleira adiantou que o obxectivo é poder ir un paso máis alá e habilitar un centro de día público onde se poida dar servizo ás persoas que precisan dunha atención continuada de 8 horas. “Estamos traballando nisto para poder levalo adiante”, afirmou Sanmartín, que coincide con Fontenla en considerar ao novo centro terapéutico de Briz como “o embrión” dun proxecto asistencial máis ambicioso.