O centro terapéutico de Briz para as persoas con Alzheimer comezará a súa actividade o 18 de novembro

O centro terapéutico de Briz para as persoas con Alzheimer comezará a súa actividade o 18 de novembro

A concelleira de Servizos Sociais Marián Sanmartín reuniuse onte con membros de Afapo, entre os que estaban o seu presidente, José Manuel Fontenla, unha traballadora social e dúas docentes, para visitar as instalacións da Finca de Briz nas que se habilitará o centro terapéutico para persoas con Alzheimer.
Na visita tamén estiveron presentes representantes do departamento de Servizos Sociais do Concello, que teñen as súas oficinas tamén na finca, e a onde deben acudir todos aqueles que estean interesados en recibir información ou en beneficiarse das actividades do centro.
“Desde Servizos Sociais, tramitaremos todas estas peticións para derivalas a Afapo”, explicou a concelleira. Pola súa banda, a asociación valorará, “a través do noso equipo de traballadoras sociais”, segundo explicou Fontenla, cal é o grado de afectación da patoloxía en cada un dos pacientes.
Os obradoiros comezarán o próximo 18 de novembro cos usuarios que presenten un desenvolvemento leve da enfermidade. As sesións serán os luns e mércores, de 10.00 a 13.00 horas.
O Concello e a asociación quixeron recordar que o servizo é “totalmente gratuíto”, financiado polo Goberno municipal, “e compatible con calquera prestación que reciba o paciente”.
Asemade, a Concellaría de Benestar Social procederá nas próximas semanas á compra de mobiliario específico para adaptar as instalacións ás actividades e necesidades do centro terapéutico.

Anterior A Mesa de Traballo Contra a Violencia de Xénero avalía os datos desta lacra no municipio

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados