O Centro de formación a Aixola retoma a súa actividade

O Centro de formación a Aixola retoma a súa actividade

O centro de formación A Aixola, con sede no Porto de Marín, retomará a actividade formativa no mes de agosto, cunha oferta de mais de 2.100 horas de formación en oito novos cursos cun cento de prazas dirixidas a alumnado do sector pesqueiro. Ademais dos oito cursos de diferente temática vinculada á pesca e que oscilarán entre as 70 e as 350 horas lectivas, a oferta de A Aixola complétase con varios módulos formativos nas áreas de emprego e prevención de riscos laborais que completarán a preparación do alumnado beneficiario.

Está prevista inicialmente a posta en marcha dun curso de laminado manual en poliéster para pezas de uso en acuicultura e construción naval de 300 horas de duración e con 15 prazas e outro de formación de formadores para o certificado profesional de confección e mantemento de artes e aparellos (70 horas e 12 prazas).

A partir de setembro, se impartirán as formacións das áreas de instalacións mecánicas e eléctricas (mecánica básica de motores en embarcacións menores, de 150 horas, electricidade e hidráulica básicas aplicada ao buque, de 275 horas), os cursos da área de velería e pneumáticas (velaría e acastillaxe, de 350 horas, e reparación de embarcacións pneumáticas, de 300 horas), e a formación conducente ao certificado profesional de confección e mantemento de artes e aparellos (330 horas). Cada un deles ofertará 12 prazas. Finalmente, na área de madeira, organizarase un curso de elaboración e instalación de cubertas de madeira en embarcacións menores, de 300 horas e 15 prazas.

Todo o alumnado do centro completará a súa formación cos módulos de prevención de riscos laborais, e poderá participar na formación para busca de emprego e autoemprego, así coma a titorías de apoio para o mellor seguimento da formación.

A Aixola, dependente da Consellería do Mar, ven sendo xestionada polo Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR dende 2004 en instalacións da Autoridade portuaria de Marín e Ría de Pontevedra. A súa actividade formativa está dirixida a pescadores e mariscadoras, operadores do sector pesqueiro e cónxuxes dos pescadores autónomos e mariscadoras, así coma a aquelas persoas con formación para traballar no sector pesqueiro.

Anterior Diversas zonas de Marín xa teñen habilitada conexión WiFi de maneira aberta e gratuíta

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados