O Auditorio terá capacidade para máis de 500 espectadores

O Auditorio terá capacidade para máis de 500 espectadores

O proceso de licitación do Auditorio de Marín segue dando pasos. Segundo informou hoxe o Concello de Marín, vén de rematar o prazo de presentación de ofertas ao prego de contratación da redacción do proxecto construtivo do centro socio cultural.
“Nas vindeiras semanas, procederase á apertura dos sobres por parte da mesa de contratación”, afirma o Goberno municipal, que con este procedemento poderá seguir avanzando na construción dunha infraestrutura moi demandada polos veciños da vila e que se pretende que sexa acorde cas necesidades dun municipio do tamaño de Marín.
Co obxectivo de conseguir esa aspiración, incluíuse no prego de contratación un equipamento mínimo para o edificio, que ten que respectar, ademais, o Plan Director de Usos da Zona Marítima, dado que a parcela na que se ubicará o Auditorio, de 2.000 metros cadrados, está cedida en uso polo Porto de Marín.

Un aforo de 550 espectadores
Segundo se extrae do prego, o equipamento cultural terá un aforo de 550 espectadores, aproximadamente, e deberá contar cun vestíbulo, que se prantexará de tal maneira que sirva tanto como zona de acceso ao auditorio como de zona de espera e de estar. É dicir, que debe ser un espazo multifuncional.
O patio de butacas contará cunha única planta, de 600 metros cadrados. Pola súa parte, o escenario terá unha superficie de 220 metros cadrados e estará situado nun punto no que a súa visibilidade sexa óptima para os 550 espectadores que poderán ocupar os asentos.
Está previsto tamén que o edificio conte con seis camerinos, próximos ao escenario, que lle dean servizo aos artistas que vaian actuar no Auditorio. O prego contempla que conten cun aseo propio e que poidan estar dotados dun acceso alternativo ao do público xeral, para garantir a privacidade dos profesionais.
Con respecto aos aseos comúns para o público, o proxecto que resulte escollido debe contemplar o número suficiente deles “para satisfacer as necesidades do edificio en canto ao número de espectadores, atendendo á normativa de espectáculos e actividades”.
Ademais, o Auditorio contará cunha zona de audiovisuais que permita o control da escena e con dous almacéns, un que sirva para recoller os elementos necesarios para os espectáculos e outro no soto.

Aparcadoiro subterráneo
No soto, está previsto que se habilite un espazo destinado a aparcadoiro, que terá unha superficie de 700 metros cadrados.
Esta cuestión, sumada á reordenación da parcela na súa superficie, virá a resolver a demanda de estacionamento que xurdirá ca programación de eventos no auditorio, dadas as previsións de afluencia de espectadores.
Presuposto global do Auditorio
Segundo se extrae do prego, o orzamento total de execución será de catro millóns de euros, con IVE incluído.
Dous millóns se corresponden co financiamento da Unión Europea deste proxecto, a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), no marco do eixo 12 do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020 e, concretamente, dentro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado (EDUSI) Marín 2020.
Os outros dous millóns de euros que completan o prezo de execución serán aportados pola Xunta de Galicia.

Anterior O Samaín Briz quenta motores para converter o Parque dos Sentidos no Parque do Terror

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados