Nomeado o comité de expertos que avaliará as ofertas presentadas para o proxecto do Auditorio

Nomeado o comité de expertos que avaliará as ofertas presentadas para o proxecto do Auditorio

O proxecto da construción do Auditorio continúa a súa andaina burocrática co nomeamento oficial do comité de expertos, un órgano que, segundo informou hoxe a alcaldesa, María Ramallo, “terá como función avaliar e puntuar, conforme aos pregos que se aprobaron no seu día, as ofertas que se presentaron para a redacción do proxecto do noso centro cultural”.
Este comité reunirase nos próximos días para analizar esas opcións que están sobre a mesa. Unha vez o faga, trasladaralle as súas conclusións á Mesa de Contratación, que será a encargada, finalmente, de licitar as obras.
Segundo explicou Ramallo, a composición deste comité de expertos responde á necesidade de englobar neste órgano tan relevante a persoas cun perfil técnico e experto en materia urbanística e que sexan representantes das administracións que forman parte do proxecto.
Desta maneira, ademais do Concello de Marín, estarán formarán parte neste comité o Porto de Marín, dado que é o propietario dos terreos (que están cedidos en uso ao Concello) e a Xunta de Galicia, que aportará dous millóns de euros ao presuposto do Auditorio. Os outros dous millóns que compoñen a contía total da obra son aportados polos Fondos Europeos FEDER, dentro da Estratexia EDUSI – Marín 2020.
As persoas que conforman o órgano son as seguintes:
– María Encarnación Rivas Díaz, directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia.
– Miguel Ángel Navarro, director da Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra.
– Susana Rivadulla López, Xefa do Servizo de Urbanismo da Xefatura Territorial de Pontevedra, dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia.
– Anselmo Villanueva, presidente da Delegación de Pontevedra do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.
– Alberto Pensado, xurista da Administración Xeral do Concello de Marín, especializado en contratación pública.
Serán diversas cuestións técnicas, estéticas e de utilidade as que deberán avaliar os membros do comité de expertos, ca vista posta en escoller a mellor das ofertas que se presentaron. Entre outras cousas, deberán comprobar que as opcións cumpren cas normativas de edificabilidade incluídas no Plan Especial do Porto, por exemplo.
Asimesmo, prestarán especial atención ao tratamento que se fai nas ofertas dos volumes, os materiais e a estética xeral que se prantexa para o equipamento cultural da vila.
Tamén estudarán se as propostas inclúen o requisito, recollido nos pregos, de conseguir romper esa barreira visual que impón o cerramento do Porto, para o que se propón a incorporación de arborado en zonas específicas da rada, co obxectivo de minimizar o impacto tanto do peche da instalación como das naves.

Fluxos circulatorios
O comité de expertos considerará fundamental que nas propostas estea incluída unha solución funcional que ordene adecuadamente os fluxos circulatorios de entrada e saída do Porto, permitindo que se acceda desde o centro urbano tanto ao recinto da rada como ao aparcadoiro subterráneo do Auditorio.
Esta solución debe ter en conta a maniobrabilidade dos vehículos que acceden á zona portuaria, que precisan de medidas adaptadas, como os transportes especiais de tramos de éolicos.

Anterior O CEIP de Ardán celebra 30 anos da súa renovación

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados