A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, mantivo unha reunión de traballo coa alcaldesa de Marín, María Ramallo, de cara a retomar as liñas de colaboración do departamento autonómico coa administración local para impulsar a construción do novo auditorio municipal.
A alcaldesa marinense avanzoulle á conselleira que, despois de todo o proceso de elaboración de pregos e de licitación desta obra, o equipo de arquitectos que resultou gañador do concurso xa está a rematar o proxecto definitivo do Auditorio, que será entregado oficialmente no Concello nas vindeiras semanas.
Tal e como indicou a conselleira de Medio Ambiente, a construción de novos equipamentos nos concellos é un dos obxectivos do Plan hUrbe. Polo que, unha vez que se conte co proxecto definitivo, Xunta e Concello impulsarán un convenio de colaboración económica co que garantir a materialización desta infraestrutura cultural.
Ambas responsables coincidiron en sinalar que unha colaboración destas características facilita poder ofrecer a nivel municipal un mellor e máis amplo abano de servizos públicos para a veciñanza e que contribúe a revitalizar o tecido sociocultural de Marín, que precisa dunha infraestrutura acorde á demanda e á oferta de contidos culturais da cidadanía. Ademais, a construción do Auditorio enmárcase nunha rehumanización global da zona, redundando nunha mellora deste espazo urbano de uso público.