Marín xa ten case rematado o seu PMUS, que será presentado públicamente nunha xornada

Marín xa ten case rematado o seu PMUS, que será presentado públicamente nunha xornada

21 xaneiro 2022

Marín xa ten practicamente rematado o seu Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS), “o noso plan de futuro para mellorar a mobilidade urbana cunha base sólida, analizada e traballada”. Así o adiantou esta mañá a alcaldesa, María Ramallo, que explicou que a empresa encargada da redacción do plan “xa o ten case ultimado”.

O PMUS é unha ferramenta de planificación e un instrumento de concienciación para os cidadáns e as administracións, “que nos permite ter claras cales son as prioridades en materia de mellora urbana de Marín”, explica a rexedora. Para iso, desde a empresa encargada do PMUS, leváronse a cabo unha serie de fases de traballo, que dan como resultado o documento final:

– Unha primeira fase de diagnóstico do sistema de mobilidade de Marín, no que se estudou o noso territorio, as súas características actuais e as posibles fortalezas de cambio neste sentido.
– Unha segunda fase de análise de resultados, de avaliación de todos os datos recabados para poder detectar prioridades e necesidades en materia de mobilidade.
– Unha terceira fase, máis propositiva, na que se fai unha proposta de medidas que poden dar resposta a esas necesidades e que mellorarán a habitabilidade de Marín.

“Elaboramos este documento dentro da nosa estratexia Marín Dusi”, aclara a rexedora, xa que foi cofinanciado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea. “Todas as actuacións que estamos levando a cabo dentro desta estratexia procuran facer de Marín un lugar máis adaptado ás persoas, con mellores espazos urbanos, máis verdes e máis sostibles e por iso a filosofía do PMUS encaixa no Marín Dusi e axuda a seguir poñendo as bases do seu desenvolvemento”.

A alcaldesa adianta que se fará unha presentación oficial e pública do Plan a través da convocatoria dunha xornada participativa, que se celebrará proximamente. “Queremos que este documento forme parte da veciñanza e todos os actores sociais implicados na mobilidade, para que sexa de verdade útil e interesante”, afirma Ramallo.

Sobre todo, o Plan susténtase en tres grandes piares, dos que se extraen outros subtemas:

1.- A mellora da mobilidade urbana, apostando pola sostibilidade, co fomento dos desprazamentos a pé e en bicicleta.

2.- A mellora da conexión entre o casco urbano e o medio rural, tan poboado en Marín e cunha vitalidade económica e social moi elevada.

3.- A posta en marcha de proxectos de mellora urbana no centro, que permitan renovar rúas e apostar por un urbanismo máis adaptado ás directrices da mobilidade urbana sostible.

“Temos as ideas, temos a análise e tamén moitos proxectos madurados e estudados”, explica a alcaldesa. “Agora, temos que seguir traballando para acadar financiación e marcar as prioridades e os prazos, para así seguir configurando un Marín mellor, máis avanzado e moderno”, remata.

Anterior O sorteo de tarxetas regalo do Concello acadou un impacto na economía local superior a 175.000 euros

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados