Por amor, para facer realidade o seu soño, para iniciar unha nova aventura vital, para recuperar as orixes ou na procura dun estilo de vida rural, calmado e comunitario. Esas son só algunhas das razóns polas que Paula Sastre, Diego Landín, Erick Regueros, Isabel Landín e Manuel Antonio Arias, algúns nativos do municipio e outros foráneos, decidiron empadroarse en Marín e converter así a súa vila no seu fogar.
A alcaldesa, María Ramallo, e o concelleiro, Manuel Santos, presentaron hoxe pola tarde na Alameda Rosalía de Castro esta campaña, xunto cos protagonistas da mesma, coa que, tal e como explicaron, o que se busca é “fomentar que novas peroas tomen a iniciativa de empadroarse, ben porque xa viven moito tempo no
noso municipio aínda que estean empadroadas noutro ou ben porque están buscando un lugar no que emprender unha nova etapa da súa vida”.
A campaña transmite precisamente esa dualidade entre vila e fogar, tendo en conta que esta última figura vése reforzada cando un se empadroa e pasa a ser de facto veciño ou veciña de Marín. A mensaxe vertébrase en torno ás cinco historias, que agochan motivacións diferentes para facer de Marín o fogar elixido polos seus protagonistas.
Cinco vidas, cinco historias
Paula atopou o amor xunto a Aarón e sentiuse tan acollida que formou xunto a el unha familia. Diego levaba moito tempo lonxe do seu fogar aprendendo o oficio de bailarín e quixo volver á súa vila para abrir a escola na que lle tería gustado formarse na súa infancia. A esta aventura arrastrou á súa irmá Isabel e a Erik, unha marinense retornada e un novo marinense de adopción, respectivamente, que xa non entenden unha vida fóra de aquí. Pola súa parte, Manuel ubicou en Resille o seu lugar ideal, o espazo de veciñanza e de vida rural que tanto buscaba e onde se sente parte dunha comunidade unida e cercana.
“Eles conforman un puzzle que mostra todas as posibilidades que ofrece Marín: calidade de vida inmellorable, vivir nun lugar cun tamaño perfecto para ter todo a man e á vez fuxir da voráxine da cidade, unha veciñanza acolledora na que sentirse coma na casa, un rural vivo…”, explicou Ramallo.
Unha tendencia poboacional positiva: 163 marinenses máis e 1.084 persoas inmigrantes recibidas
“A enorme caída da maternidad nótase nos índices demográficos e por iso temos que ser capaces de atraer a novas persoas que queiran ser parte da poboación marinense”, explicou o concelleiro Manuel Santos, que sen embargo quixo enmarcar a campaña nun momento de bos datos para Marín. “Desde 2022, a nosa tendencia demográfica está sendo positiva. Segundo os datos que temos ata agora, subimos en 163 habitantes do 2022 ao 2023, pasando de 24.034 a 24.197”.
Esa tendencia positiva tamén se nota no caso do saldo migratorio, que é positivo, é dicir, chegan máis dos que marchan. Segundo os últimos rexistros do Instituto Galego de Estatística, Marín é a vila con mellores datos despois da provincia despois da cidade de Pontevedra, con 1.084 persoas chegadas ao municipio.
Ademais de campañas coma estas, tamén se avanzou en facilitar as tramitacións e as cuestións relacionadas co padrón a través da sede electrónica, instalada grazas á Estratexia Marín Dusi, cofinanciada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea. Así, pódese de xeito electrónico descargar un volante ou un certificado de empadroamento.
Para darse de alta, é precispo acudir á oficina de Estatística (Padrón) do edificio consistorial, en horario de 09.00 a 14.00 horas. No futuro, desenvolverase este trámite tamén para que poida realizarse de xeito electrónico.