11 xuño 2021
A promoción da vila de Marín entre os propios veciños e veciñas e máis alá do noso termo municipal contará agora cunha marca sólida, moderna, turística e atractiva que marcará a imaxe pública do Concello en contextos de comunicación e promoción da cidade.
Unha marca corporativa que apoiará ao tradicional escudo institucional, que seguirá sendo a imaxe burocrática da vila para tramitacións e outro tipo de contextos máis formais. Este escudo, que mantén todos os seus elementos identitarios, simplemente foi obxecto dun proceso de simplificación gráfica que mellora a súa implementación no mundo dixital, nun momento no que os trámites a través da sede electrónica e as relacións burocràticas Concello-veciñanza son cada vez máis en liña.
Esta renovación da imaxe municipal, así como o lema da marca, “un xeito de ser”, foi presentada esta mañá pola alcaldesa, María Ramallo, acompañada polas concelleiras Marián Sanmartín e Cristina Acuña. “Somos afortunados de vivir nesta terra, de ser marinenses. O noso xeito de entender a vida e de vivila é único, propio de nós e sentímonos orgullosos diso: de ser de Marín e do proxecto de vila que defendemos”, explicou a rexedora.
Por iso, escolleuse o lema “un xeito de ser”, porque “temos unha maneira de ser moi nosa que temos que reinvidicar e revalorizar”.
Sobre a nova marca, a alcaldesa explicou que servirá “de conexión entre a veciñanza e o Concello. Quixemos apostar por unha marca cidade que fose máis alá do escudo e que transmitise os nosos valores e o noso xeito de ser”.
Ademais, engadiu a alcaldesa, esta marca poderá ser utilizada en contextos turísticos e de promoción máis alá de Marin, aínda que o prioritario é “que sexa a cidadanía marinense quen a apadrine e que se sinta representada nela”
Unha M cun corazón marcado no centro
O deseño da marca corporativa, realizado pola axencia Anónimo, representa unha M de Marín con formas redondeadas, amables e agarimosas, conseguindo no seu centro un corazón co que demostrar orgullo e confianza.
A cor azul será, como xa viña sendo hai anos, a que represente á marca da nosa vila, aínda que se contará cunha paleta de cores secundarios que lle darán versatilidade á marca para podere abarcar todas as áreas relacionadas coa cidade: economía, cultura, turismo, medio ambiente, igualdade…
Unha campaña de lanzamento para revalorizar o noso xeito de ser
De cara a presentar a marca á cidadanía iníciase esta campaña de lanzamento, que se reflexará en muppies, redes sociais… e tamén nunha peza na que colaborou a cidadanía de Marín que se poderá ver mañá, sábado, ao mediodía nas canles oficiais do Concello.
“Agora iremos pouco a pouco implementando a marca nalgúns soportes que precisan dunha renovación gráfica e en toda a cartelaría que se vaia realizando”, engadiu a alcaldesa.
“Sabemos que é máis importante ca nunca ter unha relación fluida coa cidadanía, coidar a imaxe da nosa vila e promocionala, porque en Marín temos moitísimo que ofrecer e queremos afianzar o sentimento de pertenza”, rematou.