05 maio 2021
A alcaldesa, María Ramallo, e os concelleiros Marián Sanmartín e Manuel Santos, mantiveron unha reunión cos representantes da asociación de hostaleiros Hoempo para analizar a nova instrución relativa á ocupación de dominio público por parte da hostalaría coas terrazas. O obxectivo da reunión foi, precisamente, “darlles unha copia desta instrución e explicarlles a urxencia que supoña a súa aprobación para poder dar unha resposta rápida a todas as novas solicitudes que imos recibindo para a colocación de veladores”, explican desde o Concello.
Ademais, explicáronlles aos representantes de Hoempo que se porá en marcha, de xeito paralelo, o expediente para a modificación da ordenanza, que terá un período de exposición no que os hostaleiros poderán realizar achegas, “polo que lles pedimos que animasen a todos os donos de locais a participar nesta consulta pública, de tal modo que poidamos contar en todo momento coa súa visión e a súa análise neste proceso”, asegurou a rexedora.
Axudas en trámite e profesionalización do sector
Outras cuestións que se trataron na reunión tiveron que ver coa axuda de 96.000 euros que o Concello movilizará para os locais que sufriron os peches polas restricións derivadas da crise, a razón de 1.000 euros por cada un dos 96 locais que se adheriron ao II Plan de Rescate á Hostalaría da Xunta de Galicia. De feito, ese incremento que suma o Goberno local ao que aporta a Administración autonómica será canalizado a través da Xunta.
Por outra banda, os representantes do sector trasladáronlle ao Concello a necesidade de desenvolver iniciativas dirixidas a mellorar a profesionalización do sector da hostalaría en Marín. O Concello recolleu o órdago e adiantoulles que se están a traballar diversas iniciativas dirixidas a conseguir este obxectivo e ofrecer formacións e eventos atractivos a través do Espazo Emprendedor de Innovación Alimentaria (EEIA) de Marín, ubicado no Parque Azul, que vén de estrear imaxe exterior.
Ademais, o Concello pediulles de cara a novos encontros que lles plantexen todas esas demandas do sector para poder ir traballando nelas de cara ao último trimestre no ano, xa que o verán é un momento de traballo intenso.
O verán contará con dinamización de pequeno formato
Precisamente, entroncando co verán, a alcaldesa e os concelleiros trasladáronlle aos representantes de Hoempo que se apostará por un formato similar ao do ano pasado, de pequeno formato. Un ciclo de actividades, sobre todo musicais e pensadas tamén para toda a familia, que permita amenizar tanto o vermú como a noitiña.
O ano pasado escolléronse cinco prazas céntricas, pero o obxectivo deste ano “é que a hostalaría nos propoña novas localizacións que poidan beneficiar a varios locais á vez para sacarlle o máximo rendemento a este formato, no que apostaremos pola cultura máis cercana, un sector que tamén está a sufrir as consecuencias da pandemia”. De feito, teranse en conta posibles necesidades de cortes puntuais de rúas ao tráfico para permitir a celebración deste tipo de eventos en horarios moi concretos e afectando o mínimo ao día a día da veciñanza e dos servizos.
Así a todo, o Concello xa adiantou que dado o nivel de incidencia da Covid19, aínda que comeza ter unha tendencia á baixa, non se plantexará para antes de medidados de xuño. “Ata entonces, consideramos que o mellor é ter prudencia”, afirman desde o Goberno local.
Concienciación no uso da terraza: limitar o tempo das consumicións
Finalmente, na reunión fíxose unha reflexión de cara á clientela, pedindo un esforzo no control do tempo de estancia nas mesas da terraza, coa fin de garantir a rotación. “Neste momento, a hostalaría apenas pode colocar o 50% e é responsabilidade de todos permitir un pouco o movemento nas mesas para que poidan servir un maior número de consumicións”.
A alcaldesa, María Ramallo, reiterou o seu desexo de seguir traballando nesta liña, “apoiando á hostalaría, tal e como tamén apoiamos ao comercio, porque son un actor social fundamental da nosa economía local e o que máis sinerxias crea no movemento laboral e económico da vila. Temos que estar ao seu carón e colaborar co sector para superar no posible este momento complicado”, explicou.