Marín traballa por ser referente na promoción da calidade de vida, focalizando a prevención nos hábitos de vida saudables
Marín traballa por ser referente na promoción da calidade de vida

Marín traballa por ser referente na promoción da calidade de vida, focalizando a prevención nos hábitos de vida saudables

O Museo Torres acolleu unha xornada informativa sobre as accións levadas a cabo pola Área de Atención Sociocomunitaria do Centro de Saúde de Marín dentro do seu Plan Local de Saúde e as novas ideas a desenvolver nos próximos meses

Marín, 19 xuño 2024

O salón de actos do Museo Municipal Manuel Torres acolleu esta mañá unha xornada na que a saúde, en todo o seu global, foi a gran protagonista. Unha mañá promovida pola Área de Atención Sociosanitaria do Centro de Saúde de Marín na que o equipo que a conforma explicou en que consiste a promoción da saúde, que ferramentas que levaron a cabo no último ano para perseguila e cales son os plans futuros para seguir implantándoa na sociedade marinense.

A alcaldesa, María Ramallo, abriu o acto, no que participaron a directora de Atención Primaria da área Sanitaria, Itziar Melendo; a subdirectora médica de Atención Primaria, Dolores Pan; a subdirectora de enfermería de Atención Primaria, Silvia Amoedo, e a xefa de servizo do Centro de Saúde de Marín, Teresa Gómez, encargada de expoñer xunto co resto de profesionais do centro implicadas, as accións de promoción sanitaria.

Ramallo insistiu na importancia de que “desde o noso centro teñamos iniciativas coma estas, para que entendamos que a nosa saúde non só é valiosa cando enfermamos, senón tamén cando estamos ben, inculcándonos bos hábitos de vida”. Nese mesmo sentido se pronunciou Melendo, que asegurou que isto “só se consegue conformando equipos multidisciplinares, como é o caso de Marín”.

Desas unidades, saen os Plans Locais de Saúde, unha potente ferramenta para ter unha foto fixa de cales son as principais enfermidades que caracterizan a cada municipio e que esbozan ideas e iniciativas para tratar de impactar sobre a súa prevalencia.

No caso de Marín, tal e como explicou a xefa de servizo na súa exposición, “no 2022, as enfermidades crónicas máis prevalentes na vila, por orden de máis a menos, son a hipertensión, a obesidade, a depresión, a diabetes, o cáncer…”. En moitas delas, o estilo e os hábitos de vida saudables teñen un impacto importante, entre outros factores, e telos en conta pode axudar a que “esas enfermidades diminúan ou tarden moito máis en debutar”.

Un cambio de enfoque sobre que é a saúde

Neste sentido, Gómez explicou que algúns dos factores de cambio que experimentou a nosa sociedade no último século, como o aumento da esperanza de vida ou o envellecemento poboacional, obrígannos a ter “un enfoque diferente para promocionar a saúde máis aló da curación de enfermidades”.

Entre algunhas das estratexias para conseguilo, destacan a creación de contornas e espazos urbanos que favorezan a saúde, a alfabetización sanitaria (para ensinar aos pacientes determinados termos e conceptos clave) e o traballo intersectorial. Para as profesionais do centro esta é unha parte clave, “porque para poder seguir desenvolvendo ese Plan Local de Saúde que nos detecta as fortalezas e as debilidades, precisamos de todas as mans: as dos pacientes, as das administracións, as das asociacións de todo tipo, as dos centros educativos e residenciais…”.

Ese é o obxectivo de cara ao próximo curso, tal e como adiantaron as profesionais: “Poder crear mesas intersectoriais para poder dar ferramentas a cada parte da poboación que lles sexan útiles”, porque non aparecen os mesmos problemas nas persoas que superan os 65 anos que na mocidade, na que por exemplo se nota un aumento na contracción de enfermidades de transmisión sexual.

Ademais, porán en marcha dúas accións: a Axenda 5X5, baseada en atacar os 5 factores de risco (alimentación non saudable, inactividade física, consumo de tabaco, alcol e outras drogas, e contaminación do aire) causantes das 5 patoloxías máis prevalentes (enfermedad cardiovascular, cáncer, enfermedad respiratoria crónica, diabetes e saúde mental), e un buzón de suxerencias para as persoas usuarias do Centro de Saúde de Marín.

Anterior Marín notifica aos propietarios de parcelas ubicadas en franxas secundarias a obligatoriedade de limpalas para loitar contra os incendios

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados