Marín quere ser MÁIS, coa vista posta nos proxectos da futura década

Marín quere ser MÁIS, coa vista posta nos proxectos da futura década

22 novembro 2022

“Porque non nos conformamos e queremos avanzar, traballamos nun Marín máis…”. Así comeza a campaña coa que o Concello de Marín, desde finais desta semana, chamará á veciñanza a que participen na elaboración da Axenda Urbana de Marín, o documento estratéxico que definirá as liñas de actuación futura para a construción do Marín que queremos.

Un Marín, tal e como recolle o Concello nesta campaña, máis resiliente, habitable, ecolóxico, seguro, inclusivo, dinámico, atractivo, conectado e aberto. Cada un destes adxectivos, explican desde o Goberno local, “responde ao Marín que queremos  en  función  das  liñas  temáticas  que  tratamos  na  Axenda  Urbana: a distribución do territorio, o urbanismo, a xestión sostible dos recursos, o fomento do desenvolvemento económico, as medidas sobre vivenda, a dixitalización da administración…”.

Por iso, o xoves abrirase o portal axendaurbanamarin.com, a través do cal a veciñanza poderá acceder a unha enquisa online coa que participar no proceso de elaboración deste documento, que despois deberá ser aprobado no Pleno da Corporación.

Deste xeito, tal e como apuntan fontes municipais, “queremos abrir unha ventá de oportunidade para que todas as personas que así o desexen poidan optar a opinar sobre cales cren que son os retos e as iniciativas que debemos abordar de maneira máis urxente no que respecta a todos estes temas”.

Tal e como xa se avanzou nestes días, a esta enquisa online aberta a toda a cidadanía sumarase a convocatoria de tres mesas sectoriais de traballo nas que participarán representantes de entidades, asociacións, institucións e empresas relacionadas coa vida diaria de Marín.

Ademais, durante o xoves e o venres, realizaranse enquisas a pé de rúa para facilitar a participación de todas as persoas. A enquisa online, pola súa parte, estará a disposición da cidadanía a partir deste xoves e ata o 8 de decembro. Desde o Concello presentaron esta mañá o que será a imaxe que acompañará a todo este proceso de participación e elaboración da Axenda Urbana, “de tal maneira que a veciñanza poida asociar rapidamente cales son os pasos que se dan dentro deste proceso”.

Anterior Axenda 25N

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados