A artista, fundadora xunto con Richard Pazos de Céltica Arte e Cultura, ilustrou unha Virxe do Carme chea de atributos marítimos, con coroa de cunchas e manto de redes e algas, e pon o foco na importancia da luz do candil que leva nas súas mans.
Marín, 20 xuño 2024
Un candil que alumea o futuro e que protexe aos mariñeiros e a mirada dunha Virxe do Carme moi especial. Esa será a imaxe do cartel oficial das Festas do Carme de 2024, que foi presentado esta mañá no Concello pola súa autora, a pintora Patricia Piñeiro Otero e Richard Pazos, de Céltica Arte e Cultura, acompañados pola alcaldesa, María Ramallo, e a concelleira de Festas, Marián Sanmartín.
A imaxe, que será a que ilustre todo o programa das festas, é unha espectacular pintura que se poderá ver en directo na Casa Consistorial e que supuxo un encargo moi sentido para a súa autora, “xa que eu nacín na véspera do Carme, o que influíu moito en que esta Virxe teña un valor simbólico especial para min”.
Piñeiro quixo destacar a enorme importancia que para ela teñen aqueles que son protexidos pola Virxe do Carmen. “Os mariñeiros son os verdadeiros heroes, moi por riba doutros nomes ou persoas que tenden a ter máis protagonismo ou repercusión”.
A representación da Virxe está totalmente unida coa importancia do mar, xa que a súa coroa está feita con elementos como cunchas e o seu manto son redes e algas. “Ademais, a virxe leva na man un faroliño, que é unha áncora e leva grabado a base da farola de Marín, a carriola de Manuel Torres, que representa o centro histórico da vila, testemuña de todos os cambios e na que ademais aparecen os mariñeiros”, explicou a artista. Precisamente con ese candil, a pintora anímanos a que “ver as cousas desde outra lente”.
Días contados para ter a programación completa do verán
Desde o Concello, a alcaldesa quixo agradecer “enormemente a xenerosidade e a implicación de Patricia e de Céltica en xeral neste encargo. Nótase esa sensibilidade e ao final, isto é un regalo para todos os marinenses, para que poidamos desfrutar das nosas festas rodeados de arte”.
Pola súa banda, a concelleira de Festas adiantou que “nos próximos días xa poderemos ter dispoñible na web do Concello e pouco a pouco en papel, a programación completa e por días do verán”.