Marín prepárase para acoller o partido internacional de Fútbol Sala Feminino España vs Japón

Marín prepárase para acoller o partido internacional de Fútbol Sala Feminino España vs Japón

Unha das salas do Museo Manuel Torres de Marín acolleu hoxe a presentación oficial dos partidos amistosos que disputarán as seleccións femininas de fútbol sala de España e de Xapón na comunidade galega, un na vila marinense e outro en Burela, os días 10 e 11 de decembro, respectivamente. No caso de Marín, o partido será no Pavillón da Raña.
Na rolda de prensa, que tivo lugar ás 13.15 horas desta mañá, estiveron presentes pola parte do Concello de Marín, coorganizador do evento, a alcaldesa María Ramallo, os concelleiros Antonio Traba e Antonio Caíña e os representantes do Club Deportivo La Peña, que tiveron a iniciativa de traer este encontro internacional á localidade.
Ademais, interviñeron tamén o presidente de Pescados Rubén Burela, Manuel Blanco; o vicepresidente da Federación Galega de Fútbol, Pablo Prieto; a presidenta da Asociación de Xogadoras de Fútbol Sala, Natalia Orive; a seleccionadora, Clàudia Pons, e o secretario do Comité Nacional de Fútbol Sala da Federación Española de Fútbol, Paco Sedano.
A alcaldesa marinense aproveitou para dar a benvida a todos os colectivos a Marín e afirmou o importante que é para a vila “albergar un partido internacional coma este, e máis sendo feminino, que demostra a noso compromiso tamén de cara a apoiar ás xogadoras que se animan a practicar esta disciplina, o que moitas veces supón unha tarefa ardua e dura”.
Ramallo destacou a relevancia que ten investir no deporte a nivel local, “xa que da moitos réditos desde todos os puntos de vista, porque grazas a iso moitos clubs de base conseguen sacar adiante proxectos e iniciativas moi necesarios e que reportan moita riqueza, especialmente para a xuventude”.
Pola súa parte, o presidente de Pescados Rubén Burela agradeceu a todo o corpo técnico da Federación a súa implicación con Galicia e insistiu no “alto atractivo de cara ao público” que suporá ver xogar á selección española feminina. “Galicia ten un altísimo nivel de fútbol sala”, agregou Blanco.
Esta idea foi compartida tamén por Pablo Prieto, da Federación galega, que recordou que a nosa comunidade está representada na selección “con 5 xogadoras galegas e outras 3 que pertencen a clubs de aquí”. A forza de Galicia con respecto ao fútbol sala feminino evidénciase no número de licencias que ten outorgadas a Federación galega, que Prieto cifrou en 2.400.

Orive, pola súa parte, animou á cidadanía a “gozar do ambiente que se creará no Pavillón de A Raña”. “É fundamental que as xogadoras noten ese apoio da afición”, engadiu a seleccionadora Clàudia Pons, que asegurou que o equipo preparará os dous encontros “da mellor maneira posible”, ca vista posta na fase de clasificación do Europeo que terá lugar o próximo ano.
Paco Sedano pechou a rolda de prensa agradecendo á Federación Galega a súa profesionalidade. “Ir da vosa man é garantía de éxito”, afirmou e asegurou que realizar eventos como este son un compromiso que defende a Federación Española, “xa que non é fácil traer ata aquí unha selección feminina como a de Xapón”. “Ogallá a selección, da man da súa seleccionadora, á que felicito, siga colleitando éxitos”, rematou.
Entradas
As entradas para o partido terán un custe de 3 euros para menores de idade e de 6 euros para maiores de 18 anos.
A venta e reserva anticipada poderá realizarse a través do seguinte correo electrónico, pertencente ao Club Deportivo La Peña, club anfitrión e coorganizador xunto co Concello de Marín e as federacións españolas e galegas de fútbol do evento: clubdeportivolp@gmail.com
Asemade, poderá realizarse a xestión vía telefónica, chamando ao 676 054 606.
O día do encontro, a taquilla estará aberta de 10.00 a 13.30 horas e de 16.00 a 20.00 horas.

Anterior Acima adícalle a súa nova Gala Empresarial á muller emprendedora

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados