Marín inicia a tramitación para redactar o seu novo Plan de Mobilidade Urbana Sostible

Marín inicia a tramitación para redactar o seu novo Plan de Mobilidade Urbana Sostible

O noso concello atópase en plena revolución da súa mobilidade urbana. A EDUSI Marín 2020 xa ten enfiada a execución e posta en marcha de parte dos seus principais proxectos que reformularán a nosa fachada litoral e, en xeral, a mobilidade dentro do municipio.

Con esta estratexia, cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea nun 80%, Marín está a dar pasos a nivel social, económico e ambiental para contribuír á consecución dunha vila máis competitiva, intelixente e equilibrada en todos estes aspectos.

A estratexia Marín 2020 supón unha continuación do traballo que se realizou co proxecto Arela no 2007. Agora, o Goberno local dará un novo paso máis tamén neste gran proxecto urbano, co inicio do expediente de contratación dun novo Plan de Mobilidade Urbana Sostible.

Este documento ten como finalidade incorporar as novas actuacións coas que facer fronte aos problemas que presenta o entorno urbano e seguir mellorando o noso municipio. Xa no 2015 foi elaborado un Plan de Mobilidade e Accesibilidade, que agora será ampliado, actualizado e mellorado para seguir trazando as liñas estratéxicas de cara ao futuro.

A Xunta do Goberno local porá en marcha este expediente para tramitar a licitación coa que adxudicar a elaboración do plan. O prezo de licitación, tal e como se pode consultar na memoria, será de 65.091,95 euros (IVE incluído).

 

Cara unha economía sostible

Os proxectos enmarcados no #Marín2020 xa supoñen un importante cambio para a mobilidade do noso municipio: creación de novos espazos para a cidadanía, habilitación dun carril bici ao longo da Avenida de Ourense, recuperación da punta do Paseo Alcalde Blanco e creación de miradoiros ao mar…

A ese obxectivo, súmanse outros paralelos como a dinamización e dixitalización da economía local, a través da plataforma Marín en Rede, ou o aumento da accesibilidade ás novas tecnoloxías para a cidadanía.

Neste caso, coa redacción do Plan de Mobilidade Urbana Sostible, ponse a vista un pouco máis lonxe, de cara a organizar e planificar as actuacións futuras, sempre tendo en conta as premisas da economía sostible: promover o crecemento, a competitividade, o emprego e a inclusión social, así como a igualdade entre homes e mulleres.

Cuestións como a xestión dos desprazamentos rodados no centro urbano, a reorganización e optimización do espazo adicado a estacionamento, a aposta polo transporte urbano e a redución do uso do vehículo privado cando sexa posible ou a xeración de escenarios de maior competitividade para o comercio e a hostalaría serán as que entren dentro deste plan.

 

 

Anterior Servizos Sociais repasa a inversión social realizada este ano e afirma que existe un cambio de perfil nos usuarios

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados