Marín estrea a primeira edición do Festival Cine do Mar
Marín estrea a primeira edición do Festival Cine do Mar

Marín estrea a primeira edición do Festival Cine do Mar

O evento, organizado pola Asociación Museo do Mar de Marín, será do 21 ao 25 de maio e contará con dúas seccións oficiais, unha de ensino e outra para novos/as creadores/as. Tamén haberá proxeccións e mesas redondas.

Marín, 14 maio 2024

O cine e o mar daranse a man en Marín durante a próxima semana, coa celebración do I Festival Cine do Mar, impulsado pola Asociación Museo do Mar de Marín e o Concello e que foi presentado esta mañá polos representantes da entidade e a concelleira de Cultura, Marián Sanmartín.

A programación do festival arrancará o 21 de maio no Cine Seixo ás 19.30 horas, coa presentación do certame por parte dos organizadores e das autoridades, para dar paso ás 20.00 horas á proxección dun filme que revolucionou o audiovisual galego do último ano: Matria, de Álvaro Gago. As entradas, que serán de balde, deberán recollerse previamente no Museo do Mar.

A partir do mércores, todas as actividades trasládanse á Biblioteca Municipal Vidal Pazos. Ese día ás 19.00 horas, os autores Anxo Cabada e Antón Davila presentarán a súa obra A última dorna de Ons e ás 20.00 horas celebrarase unha mesa redonda sobre patrimonio marítimo na que participarán Antón Pousada, presidente do Grupo Cultural Ronsel; Fernando García, da Asociación Cultural Os Galos; Xaquín Fabeiro, presidente do Club Mariño A Reiboa, e Ramón Collazo, presidente da Asociación Galega de Carpinteiría de Ribeira.

O xoves arrancará o festival propiamente coa proxección das curtas da categoría de Ensino, coas seguintes obras presentadas:

Entroido 2022, do CEIP Carballal

As praias de Marín, do CEIP Carballal

Mergullo nas rías, do CEIP Carballal

Un tesouro nas rías, do CEIP Carballal

Mar de redes, do IES Félix Muriel

U-los mariñeiros en Marín?, do CEIP Sequelo

Mareas vivas de Lourizán, do CPR Sagrado Corazón de Placeres

Acto seguido, ás 20.00 horas, celebrarase a segunda mesa redonda do festival sobre o Museo do Mar de Marín, na que intervirán os membros da asociación José Antonio Pérez, María del Puerto Pérez, Xosé María Vilaboa e José Manuel Pesqueira. Finalmente, ás 20.30 horas, proxectarase o documental Homenaxe ás Mulleres do Mar, de Lukas Santiago, na que se pon en valor a traxectoria de Carmen Abreu, Chicha Domínguez, Manuela Couso, Lina Pazos, Juana Soto, Marisa Pazos, Ana González, Concepción Santiago, Dolores Dopazo e Visitación Núñez.

O venres 24 de maio será a quenda da categoría de novos/as creadores/as, coa proxección das seguintes curtas a partir das 19.00 horas:

Cantiga, de Ángela Castro
Nostra In Mare Fortuna, de Álvaro Martínez
Treito, de Carolina Segovia
Dorna, de Antón Guerrero
Vogar, de Andrea de la Iglesia
Voltar do mar, de David Pérez-Rodrigo Santiago

Unha vez rematadas as proxeccións, a partir das 20.00 horas, acompañaranos Marcos Gallego, director da Mostra Internacional de Cinema Documental Mares da Fin do Mundo, un certame colaborador que traerá a proxección de tres pezas:

Singlando do Albán, de Tito Pérez, presentado no certame no 2021
Atalaia/Piueiro, de Xisela Franco, mención especial do certame no 2022
Tatuado nos ollos levamos o pouso, de Diana Toucedo, mellor película da mostra do 2022

Gala de clausura

O sábado a partir das 19.00 horas celebrarse a gala de clausura, na que se entregarán os premios deliberados por un xurado formado por Diego Santaclara e Diego M. Barcia, de Trece Amarillo; dous representantes do Museo do Mar, Lukas Santiago e Dani Antelo, director do John Balan Fest.

Haberá Sardiña de Ouro, Sardiña de Prata, Rodaballo de Ouro e Mención especial e proxectaranse de novo todas as curtas que resulten gañadoras.

Para clausurar o acto, ás 20.00 horas, proxectarase Carpintaría de ribeira. Fasquiando o futuro, de Pablo Carrera e Ramón Collazo.

Anterior Francisco Javier Fernández Davila, XXII Premio de Poesía Concello de Marín

WEBS ASOCIADAS

CONTACTO

Avda. Ourense s/n

2022 Concello de Marín. Todos los derechos reservados