27 xuño 2022
A relación da cidadanía co seu Concello establécese de moitos xeitos, pero a parte burocrática é quizáis a máis complexa. Os equipos técnicos municipais, a través de todos os servizos que se ofrecen á veciñanza, están para resolver os problemas e as necesidades que se plantexan para a prestación de servizos e agora Marín pode facelo dun xeito máis áxil e dixitalizado.
Desde o portal https://sede.concellodemarin.es/ pódense realizar un gran número de trámites burocráticos municipais sen necesidade de moverse da casa, simplemente a través das novas tecnoloxías. Esta dixitalización que levou a cabo o Goberno local, renovando a sede electrónica e mellorando a súa usabilidade, forma parte da estratexia Marín Dusi, cofinanciada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea.
Sacar un volante de empadroamento, presentar unha factura, solicitar unha mellora a través do Rexistro xeral, consultar pagos e débedas impositivas ou formar parte de procesos de participación para aportar suxestións a proxectos son só algunhas das cousas que se poden facer desde esta nova sede, que pretende ser a ventá de comunicación bucrocrática entre a cidadanía e o Concello.
Evidentemente, tal e como explican desde o Goberno local, esta sede non substitúe á atención presencial e individualizada que se presta todos os días desde o edificio consistorial, pero si supón unha importante axuda e un avance de cara á dixitalización do traballo diario municipal.
Unha charla para usar correctamente a sede e resolver dúbidas
Precisamente, co obxectivo de que a sede electrónica sexa útil para todo o mundo, o Concello convoca para este xoves, 30 de xuño, ás 19.00 horas, unha charla na que representantes da empresa encargada de crear este portal poidan explicar que é, en que consiste o seu uso, que trámites poden levarse adiante e como facelo.
A convocatoria, aberta a toda a cidadanía, servirá para resolver dúbidas e para coñecer por dentro todas as posibilidades que brinda a administración dixital.